O saqueo da sanidade

A dereita non para de pregoar a súa letanía: cómpre privatizar para xestionar mellor. Mais se miramos arredor vemos que decenas de empresas privadas van á quebra e deixan miles de persoas sen traballo. Tamén podemos lembrar a privatización e liberalización do sector eléctrico, culminada por Aznar. Hoxe  pagamos a luz máis cara de Europa e ainda lle debemos cartos ás compañías, arredor de 24.000 millóns de euros. Agora o capitalismo impaciente dirixe a súa ollada á nosa educación e á nosa sanidade.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 22/01/2013

Comparte esta noticia

 

Valencia foi a primeira autonomía en iniciar estes experimentos: Zaplana, en 1999 puxo en marcha o hospital de Alzira, presentado como o modelo do PP para a xestión sanitaria (o hospital tivo que ser “rescatado” e renegociado o seu cánon anual).  Inauguraron máis hospitais con xestión privada (Torrevieja, Dénia, Manises, Elche) e agora andan a xogar co que denominan modelo de xestión compartida: pensan entregar a mans privadas todo o negocio existente arredor da sanidade en tres grandes paquetes (servizos xerais, servizos concertados e loxística). Nestes momentos o 20% da poboación, un millón de habitantes, depende de empresas privadas. A sanidade valenciana está considerada como a máis deficiente do Estado.

En Madrid, Esperanza Aguirre seguíu o exemplo de Zaplana. Ata o momento da súa demisión existían tres hospitais con xestión privatizada (Valdemoro, Torrejón e Móstoles) e outros sete centros semiprivados. Tamén ela tivo que “rescatar” os seus hospitais PFI con diñeiro público e aumentar notablemente o canon anual. Unha vez saneados son agora postos á venda, pois o seu sucesor, Ignacio González, tenta impor un plan para privatizar totalmente a xestión de seis destes hospitais e de vintesete centros de saúde que atenden a un millón e medio de persoas. Fan xogos de palabras (“No es privatizar: lo que hacemos es externalizar la gestión) pero a decisión é firme. O conselleiro Fernández-Lasquetty afirmou: “No hay negociación posible: les recuerdo que nosotros somos el gobierno apoyado por un 53% de los madrileños. O presidente non electo mesmo se permite facer afirmacións chulescas: “con la sanidad privada las enfermeras estarán más buenorras.

Houbo unha enorme resposta popular e profesional contra destas propostas. Recolléronse un millón de sinaturas contra da privatización, os sanitarios protagonizaron unha folga con grande seguemento que se prolongou durante todo o mes de decembro. Máis de trescentos directivos de hospitais e centros de saúde presentaron a renuncia aos seus cargos en sinal de protesta. Houbo manifestacións multitudinarias e numerosas concentracións nas que profesionais e usuarios expresaron a súa posición contraria ao proxecto do goberno autonómico. Mais, sen escoitar a ninguén, o Parlamento madrileño aprobou o 27 de decembro a Lei de Acompañamento dos presupostos de 2013 (outra vez utiliza o PP esta porta falsa para impor o seu criterio sen debate parlamentario) na que se habilita ao Servizo Madrileño de Saúde para ceder a empresas privadas a xestión de centros sanitarios. A imaxe dos diputados do PP participando na votación sen deixar de xogar cos seus móbiles quedará para a historia universal da infamia.

Os profesionais e cidadáns continúan coas protestas e movilizacións  e cada vez son máis as voces discrepantes. Mesmo hai quen apunta que “a falta de transparencia e os intereses cruzados entre os que toman as decisións e os que se benefician delas convirten esta norma en nula de pleno dereito, e non debe ser admitida polos profesionais nin pola poboación madrileña” (Luisa Lores). Eles teñen claro o obxectivo e non atenden a razóns. Pero hai que paralos. Do contrario a onda privatizadora e o saqueo dos orzamentos sanitarios continuará tanto en Madrid como nas demais autonomías onde gobernan. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/


 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.