Esta é a historia do río Eume... un "depósito de residuos" de Endesa durante 40 anos

A turbidez das augas no río Eume durante o mes de outubro provocou que Pontedeume non subministrase auga do río para o consumo humano. Moitas voces denuncian que o río serviu como “vertedoiro” de Endesa durante décadas. Colectivos ambientalistas e veciños da zona denuncian que o encoro do Eume, o máis grande da zona, foi simplemente un depósito de residuos durante corenta anos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 21/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O uso de canles fluviais como desaugadoiros para actividades mineiras ten exemplos nas minas de Touro, San Finx e a das Pontes, aínda que serían moitas máis por toda Galicia, segundo denuncian ecoloxistas e algúns partidos políticos. Desas prácticas, moitas veces á marxe das diferentes lexislacións, houbo consecuencias como verteduras descontroladas de minerais pesados e outros produtos nas augas dos ríos, deixando como resultado augas contaminadas e con riscos directos tanto para a fauna e flora como para as persoas. O último exemplo foi a “coloración” da auga no río Eume que obrigou ao Concello de Pontedeume prohibir o consumo de auga da traída ante posibles riscos para a saúde. Nada máis saltou a noticia, as actuacións oficiais non tardaron en aparecer, mais a pregunta é se servirán para algo e polo menos, a medio prazo.

Fragas do Eume.
Fragas do Eume.

O “VERTEDOIRO”

“O río Eume foi un vertedoiro de residuos durante os corenta anos que durou a actividade na mina das Pontes” di Fins Eirexas de Adega. O lugar a onde ían parar presuntamente todas as lamas e refugallos da mina e térmica das Pontes era o encoro do Eume. Durante décadas o fondo desta presa foise ateigando con lodos procedentes da actividade extractiva de lignito pardo, considerado un dos tipos de carbón con menor poder calorífico.

“Durante todo este tempo Endesa tivo bloqueado o desaugadoiro do encoro do Eume, nin o abrían para manter o caudal ecolóxico necesario” sinala Xosé Manuel Sardiña, concelleiro en Cabanas da plataforma Somos Cabanas. “Existen dúas sentenzas que obrigaban a abrir o encoro, mais cando a Fiscalía comezou a investigar, Endesa dixo que abrilo era un risco moi alto”.

“No resto de encoros do Estado faise unha limpeza dos fondos cada dez anos, sobre o caso que falamos non se fixo nunca” destaca Eirexas. A liberación de auga producíase pola canle de subministración para a planta hidroeléctrica, pois ese era o principal aproveitamento da reserva de auga, xerar electricidade.  Finalmente, o encoro foi amoreando lodos que chegaron a crear un “leito de río seco”, unha superficie composta de materiais pesados e restos da queima de lignito. “A empresa foi informada que podía haber materiais perigosos” di Eirexas.

Encoro do Eume
Encoro do Eume | Fonte: wikipedia

A XUNTA SABÍA ALGO?

“A Xunta coñecía os riscos” insiste Eirexas. A cuestión é que en 2011 Endesa quería eliminar as lamas que ateigaban o encoro. Para iso pretendía substituír as válvulas de apertura para botar polo leito do río parte das lameiras acumuladas. Non obstante, foi nese momento cando se avisou do risco que corrían tanto o río como o esteiro do mesmo. Unha vertedura, aínda que fose mínima, podería danar o ecosistema mariño, paralizando a actividade marisqueira e pesqueira na zona.

Xosé Manuel Sardiña denuncia tamén que durante dez semanas de 2020, o nivel do Eume estivo moi por debaixo do que é a súa media. Isto, segundo o concelleiro cabanés, trouxo a expulsión de gases con efecto invernadoiro, mentres Endesa realizaba probas na área para un posible baleirado do encoro. “Ese proceso de probas non estivo controlado pola Xunta” quen ten as competencias en medio ambiente.

Adega denuncia unha dobre vara de medir desde a Xunta sobre aplicacións de protocolos medioambientais. Consideran que o goberno galego trata con prevendas ás multinacionais e a outras empresas lles aplica todo o peso da lexislación actual.

CONSECUENCIAS

O 10 de outubro o Concello de Pontedeume prohíbe consumir auga da planta potabilizadora. Case que inmediatamente, a Xunta anuncia un investimento de 1´5 millóns de euros para a actualización da planta potabilizadora. “En 24 horas tiñamos auga apta para o consumo” declara Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume. Isto non quitou que Pontedeume estivese dez días sen poder consumir auga da súa traída. A situación normalizouse o pasado día 20 de outubro.

“O que pedimos é que analicen os lodos depositados no encoro” insiste Fernández, quen tamén mostra a súa preocupación ante as consecuencias negativas para os bancos marisqueiros e as persoas. “Pedimos que Endesa aclare se está retirando lodos ou non, porque o problema vai seguir no río e non sabemos ata cando”. Desta maneira, o Concello presentou senllas denuncias ante a Consellería de Medio Ambiente e o Ministerio de Transición Ecolóxica.

Outra consecuencia foi que os concellos do arredor do encoro, non querían facer traída de auga desde a presa. Todos temían os  posibles danos que podería causar o consumo desa auga. Así, o Concello da Capela, por exemplo, tivo que subministrar auga aos seus veciños desde o río Belelle, mediante un sistema de bombeo.

A cuestión para moitos e moitas é levar adiante a retirada dos lodos do encoro. Unha tarefa que é obriga de Endesa, segundo Adega. O descoñecemento do volume de materiais depositados pode estar freando a Endesa para facer os traballos de limpeza. A Xunta podería retirar parte, mais a obriga sería da empresa “por ter a licenza para usar o río”. De momento, o encoro segue con materiais acumulados durante catro décadas.

Encoro do Eume
Encoro do Eume | Fonte: Colectivo Terra
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Abel

Endesa é propiedade dunha empresa italiana que a comprou a custe 0 e gañou con ela centos de millons.. nunca entenderei que pode facer que un politico non obrigue a estas empresas a cumplir ca lexislacion

1 Manuel Castiñeiras García

Tanta beleza emporcallada pola avaricia. Esperemos que todo volva á normalidade e se dea recuperado o ecosistema desa zona. Noraboa, Sardiña.