Por E.P. | Pontevedra | 26/10/2020 | Actualizada ás 14:54
O Concello de Pontevedra aprobou este luns en Xunta de Goberno a concesión da licenza de obras para a descontaminación dos terreos da clorera Electroquímica del Noroeste S. A (Elnosa) na parroquia de Lourizán.
O pasado mes de abril a multinacional portuguesa Bondalti, propietaria de Elnosa, iniciaba este proceso de desmantelamento cunha primeira licenza que contemplaba a derriba da maior parte das edificacións industriais, que estaban nesa parcela de 13.500 metros cadrados. Unha operación que tiña un custo de 366.693 euros.
Segundo destacou a portavoz do Goberno Local, a concelleira Anabel Gulías, trátase dunha licenza urbanística" moi desexada polo Concello. A día de hoxe seguen operativos o edificio de oficinas, os tanques onde está almacenado o ácido clorhídrico e a zona das depuradoras de auga e salmuera, cos decantadores, que serán necesarios para a seguinte fase, "tecnicamente máis complexa".
Esta será executada por "un xestor de residuos autorizado e competente" e que conta cun orzamento 2.636.526 euros para ese proxecto de descontaminación dos chans. O plan consistirá en escavar as terras susceptibles de estar contaminadas por mercurio.
Unha vez retiradas faranse recheos con terras da propia instalación e outros alleos coa intención de crear "recintos estancos" para "illar o mercurio" e "garantir que estes terreos non sexan perigosos e contaminantes", indicou Anabel Gulías.
Para a concesión desta licenza foi necesario contar coas autorizacións sectoriais previas da Consellería de Medio Ambiente e de Costas do Estado. "Esperamos que sexan moi escrupulosos co cumprimento das condicións ambientais da obra", dixo a portavoz municipal pontevedresa respecto da responsabilidade de avaliación e auditoría que teñen estas administracións.
"Non lle corresponde ao Concello establecer ese medidas pero estaremos vixiantes e pendentes", recalcou a edil nacionalista.
O prazo para este proxecto de descontaminación é de 3 meses para iniciar os traballos a partir da concesión da licenza e de 6 para rematar a totalidade das obras. A portavoz do Goberno Local espera que este sexa "o primeiro paso para a recuperación de todos os terreos ocupados por fábricas que están onde non teñen que estar" na ría de Pontevedra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.