Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2020 | Actualizada ás 19:58
Daniel Minimalia foi galardoado esta noite co Grammy Latino a mellor disco instrumental pola súa obra 'Terra', pasando á historia ao ser o primeiro artista galego en conseguir este galardón por un disco propio.
Minimalia, como se lle coñece no ámbito artístico, asegurou que,"aínda está en estado de shock". "eE desas cousas nas que ves posibilidades pero, por máis que as vexas, segues sen esperar que che sucedan a tí".
Así cualificou a sensación tras decatarse de que se convertía no gañador ao premio a Mellor Artista instrumental co seu disco "Terra", a súa obra "máis orgánica". Así mesmo, sinala que a portada do disco tamén garda unha clara relación. "É o meu iris, que é cor terra, pareceunos que era un símil adecuado".
No entanto, non é a primeira vez que está nomeado aos Grammy Latino, pois xa o conseguiu no 2017, polo que sinalou que xa tiña "certo recoñecemento" que é "algo que sempre axuda", tras "moitos anos" de traballo e "de perseguir un impulso".
INICIOS
Daniel rememorou os seus inicios, a súa formación en Administración e Dirección de Empresas (na que chegou a especializarse cun máster) e do que traballou ata os 26 anos, tanto nun banco no Concello de Ribadavia como nun concesionario en Ourense.
Precisamente, este último traballo é o que se lle vén á cabeza cando pensa no seu pasado. "Escribín un e-mail ao xefe do concesionario no que estaba a traballar como contable dicíndolle que non renovaba o contrato".
Con perspectiva, considera que o tempo lle "deu a razón" e que cada un dos pasos, "aínda que puidesen parecer tolos", serviron para obter "o maior premio ao que podería chegar".
A mediados do 2014, con 29 anos, foise vivir "o soño americano" e recoñece que "foi asumir riscos, sumar perdas e arriscar todo por algo en que cría". Así pois asegura que sente Estados Unidos e Latinoamérica como un gran terreo para a súa música e, por iso, expúñase mudarse. No entanto, a pandemia atrasou os seus plans.
A crise do coronavirus non só afectou os seus plans de mudanza tamén ao desenvolvemento do seu traballo, e tamén prexudicou a gala dos Grammy. Non se puido facer presencialmente e tivo que acudir virtualmente, pero e por problemas técnicos entre as conexións fixeron que non puidese participar na súa categoría.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.