Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2020 | Actualizada ás 22:00
Achéganse datas onde son típicas as xuntanzas, os reencontros e as celebracións, mais este ano, inevitablemente, a Covid-19 interponse entre nós e os nosos desexos de festexar o Nadal como faciamos de xeito habitual. Os epidemiólogos piden non baixar a garda nestes últimos días do 2020, recomendan cancelar aquelas xuntanzas previstas entre non conviventes e actuar con responsabilidade individual. E é que a evolución que está tomando a pandemia xusto ás portas do Nadal resulta "moi complicada", segundo cualifican.
Os indicadores da Covid nas últimas xornadas collen unha dirección claramente ascendente. Afloran novos positivos diarios en Galicia por riba dos 400, cifras que non alcanzabamos dende finais de novembro. Ademais, a incidencia a 14 días sobe tamén por primeira vez en mes e medio, ata situarse ao redor dos 174 casos por cada mil habitantes. Os datos vidos dos hospitais tampouco son alentadores. O número de pacientes en planta e en UCI está rompendo nos últimos días a súa tendencia descendente para tomar repuntas considerables. Son datos, todos eles, que reflexan os efectos da apertura e relaxamento producidos en torno á Ponte da Constitución e o Black Friday.
Na outra cara da moeda agroman noticias esperanzadoras vinculadas ás vacinas, das que xa sabemos que a Xunta contempla unha cobertura inicial de 40.000 persoas na primeira quincena de xaneiro. Con todo, deixarnos levar agora por estas boas novas pode resultar perigoso. "As imaxes de xente vacinándose lévanos á falsa percepción de que a pandemia xa está solucionada", advirte Francisco Caamaño Isorna, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da USC. Lonxe de ser así, "non veremos efectos significativos ata moi entrado o ano", engade Caamaño. "Nada pode cambiar agora, a nosa actitude ante o virus ten que ser exactamente a mesma practicamente ata San Xoán".
RISCO "ALTÍSIMO" DE TERCEIRA ONDA
Xa que logo, o relaxamento froito do cansazo, as esperanzas anticipadas sobre a fin da pandemia e a "sensación de inmunidade" que aínda persiste en moitas persoas supoñen un "cóctel tremendo" de cara ao Nadal. Tanto Caamaño coma María José Pereira, xefa do Servizo de Medicina Preventiva do CHUAC, entenden que o risco dunha terceira onda en xaneiro é "altísimo" e que "se volverá unha realidade" se a poboación non limita os seus contactos só a conviventes. De feito, asegura Caamaño, "esta inversión da tendencia que xa estamos vivindo pode entenderse precisamente como o comezo desa terceira onda, e é moi probable que haxa un confinamento estrito logo das vacacións".
Con todo, puntualiza que estas afirmacións non deben asumirse como "situacións irremediables". "Pasa coma co tema ecolóxico", compara Caamaño, "se asumo que xa non hai solución para o planeta, tomo a postura de seguir contaminando; e non podemos renunciar a iso. Hai que apostar por comportarnos con prudencia, porque isto depende de cada un de nós". Coa vista posta nos efectos que o Día de Acción de Gracia provocou nos Estados Unidos, con importantes incrementos en hospitalizacións e falecementos por Covid, Caamaño advirte que "nós tamén veremos aumentos altos de pacientes en UCIs e mortes se non interiorizamos xa comportamentos seguros".
Ademais, a baixa imnunidade coa que contamos as persoas galegas fainos incluso máis vulnerables a esa posible terceira onda de Covid. O Estudo Nacional de Seroprevalencia ENE-COVID, elaborado polo Ministerio de Sanidade, o Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) e o Instituto Nacional de Estadística (INE), reflexaba que só catro de cada cen galegos desenvolveron defensas contra o SARS-CoV-2. "O feito de que haxa persoas sen rastro imnunolóxico de paso da enfermidade fai que haxa un porcentaxe maior de susceptibles, polo que o impacto do virus pode levar a un maior número de enfermos", sinala Pereira. "Ter feito as cousas ben obríganos a seguir sendo igual de prudentes; relaxarnos agora poñeríanos ao descuberto en maior número".
A MENSAXE CRUCIAL: "CADA UN NA SÚA CASA"
Ante a perigosa realidade que nos pode caer enriba se non atallamos os nosos contactos durante estas festas, numerosos países do noso entorno como Francia, Alemaña, Italia ou Reino Unido xa deron un paso atrás e endureceron as súas restricións polos incrementos de contaxios. Tamén o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, deixou a porta aberta ás Comunidades Autónomas para que impoñan maiores limitacións se así o consideran oportuno, medida á que se recolleron máis da metade delas. En Galicia, o comité de expertos da Xunta vén de aprobar este mesmo martes o documento no que se detalla o plan de Nadal, que tamén vai un paso máis alá das restricións impostas polo goberno e recomenda que as reunións familiares se limiten só a conviventes.
Unha segunda opción no caso de que esta primeira, a máis segura, non poida cumprirse, pasa pola celebración de encontros entre "dúas unidades familiares" como máximo. Isto implica a xuntanza de dúas unidades de conviventes que, ademais, non deben mudar dunhas celebracións a outras. "Non romper esa burbulla durante o Nadal reduce radicamente o risco. Cantos menos contactos de diferentes lugares, mellor", sinala Pereira neste sentido. Unha última opción expesada pola Xunta de Galicia establece un límite de seis persoas en reunións familiares, sen contar crianzas menores de dez anos. Esta opción está pensada, sobre todo, para aqueles casos de persoas maiores que vivan soas.
Para Caamaño, a mensaxe debe simplificarse máis e superar a "obsesión de poñer topes no número de persoas": "Cada un na súa casa", sentenza ao longo de toda a entrevista, "e excepcionalmente, se tes un pai ou unha nai soa, que se una á familia". "Nas comidas adoitamos estar moi pegados porque as casas son limitadas, sempre tomamos algo de viño, cómese con alegría... E todo isto, loxicamente, tradúcese nunha relaxación. Non estaremos co mesmo estado de alerta e preocupación se inxerimos algo de alcohol, porque a actitude cambia. Ademais, que probabilidades hai de que os nosos convidados marchen ás once e media? Unha mesa coma esta vai ter unha gran probabilidade de contaxio", prosegue.
"Por moita tradición que sexa, non é o momento para andar facendo visitas, e ninguén debería sentirse agraviado por iso", engade. "Celebremos o Nadal, pero adaptémonos ás circunstancias. Por que é tan aberrante pensar, por exemplo, que ese grupo de estudantes que vive nun piso decida pasar o Nadal xuntos en vez de regresar ás súas casas?".
CUESTIÓN DE RESPONSABILIDADE INDIVIDUAL
En definitiva, a responsabilidade final dos contaxios semella caer nas nosas propias decisións e comportamentos, xa que ao longo dos plans de Nadal se recollen medidas que permiten máis movementos dos que logo se recomendan. A pesar, por exemplo, de que a Xunta acepta a chegada de persoas de fóra de Galicia para celebrar o Nadal canda os seus, os expertos chaman a pensalo dúas veces antes de tomar esa decisión. "O que vaia pasar no Nadal vai depender moito de cada un de nós, é unha cuestión de responsabilidade individual", recoñece Caamaño a este respecto.
"Non sei se podemos confiar ao 100% nela, pero o que si sei é que se non hai responsabilidade individual non teremos forma ningunha de controlar esta situación, posto que non pode haber un policía detrás de cada un de nós. Comprendo que existe unha fatiga pandémica clara, e que errar é humano, pero debemos intentar ter as menos fugas posibles", relata agora Pereira. "O virus non distingue de datas no calendario, é máis, cébase coas celebracións familiares onde aproveita para multiplicarse, e iso é o que ten que dirixir as nosas decisións".
COMO ACTUAR SE CONVIDAMOS FAMILIARES?
Por iso, a recomedación máis repetida é a de celebrar o Nadal ao carón dos nosos conviventes, e en último caso, "trasladar esas reunións con outras persoas a un entorno estrutural máis seguro, por exemplo, ao aire libre, onde a capacidade de transmisión do virus é bastante excepcional", recomenda Pereira. "Sería unha mellor alternativa facer unha reunión nun campo que celebrar unha cea nunha casa, por exemplo". Agora ben, se por calquera razón nos vemos na situación de ter que convidar algún familiar a esa comida ou cea de Nadal no interior do fogar, cómpre, lembran os expertos, ser conscientes dos riscos que asumimos e actuar en base a eles. As claves son moi claras: mellor canto menor número de persoas, no menor tempo posible, no maior espazo posible que permita distancia interpersoal na mesa, con boa ventilación natural, e máscara constante no domicilio agás no momento de comer.
As indicacións da Xunta de Galicia tamén recollen que sexa unha soa persoa a que poña a mesa e sirva a comida, que non se compartan alimentos e que se leve unha estrita hixiene de mans por parte de todos os comensais. "É importante que a persoa encargada de servir e recoller faga estas actividades sempre coa máscara posta, e sería ideal que a persoa servida tamén a porte nese momento. O concepto é que esteamos sen máscara e xuntos o menor tempo posible e as menores persoas posibles", lembra Pereira. Na cocina, durante a preparación dos alimentos, tamén sería unha boa práctica ter posta a máscara para evitar a contaminación da comida, mais polo de agora, "hai pouca evidencia de que o virus se poida transmitir a través dos alimentos".
Doutra banda, reducir os contactos nos días anteriores ou proceder á realización dun test antes de visitar os nosos familiares son outras medidas que podemos manexar, mais ningunha delas exime de seguir as medidas anticovid unha vez dentro do domicilio. "Os test teñen unha sensibilidade relativa e son unha foto fixa dun momento concreto; polo tanto, non nos podemos permitir sentirnos inmunes e entrar na casa a peito descuberto", advirte Caamaño.
Seguindo a voz de quen sabe, será mellor, para estas festas, quedarmos ao abrigo dos nosos. Aínda que custe, haberá que facer ese último esforzo ata que as vacinas nos permitan algo máis de liberdade. Han de vir outras festas, han de vir outros tempos mellores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.