Alcalde de Xinzo: dimita xa

Agora enténdese o cabreo permanente do noso honorable alcalde de Xinzo da Limia, sobre todo co BNG e Anova. Así o amosa en cada pleno ou nota institucional.

Por Xosé Lois Carreira | Xinzo | 28/06/2013

Comparte esta noticia
Tanta é a xenreira que profesa ao nacionalismo e á todo o que se menee na órbita da posta en valor da nosa identidade, lingua ou cultura, que todo indicio de galeguidade é sistematicamente vilipendiado e aguilloado nunha espiral de odio mofa e cunha actitude máis próxima a senrazón que a que se lle presupón ó presidente dun concello, por moita maioría que teña ou por moito que sexa quen de quitar ou dar a palabra.
 
A súa, desde logo, xa non é exemplo nin lección de nada. E moito menos que nada despois do que ven de publicar este fin de semana La Voz de Galicia en relación coa contratación municipal, desenmascarando que esa furia insá do alcalde, parcial e viciada cara todo o que indique galego, ten outro orixe moito máis próximo e material: o seu cabreo provén da iniciativa da C.I.G. de trasladar a Subdelegación do Goberno de Ourense as prácticas contractuais fraudulentas do señor alcalde Antonio Pérez.
 
Polas páxinas da prensa sabemos tamén que a Avogacía do Estado presentou unha demanda civil contra o alcalde por estas irregularidades, e que no caso do concello de Xinzo foi especialmente complicada a investigación polas súas negativas a facilitar os preceptivos informes de secretaría e intervención que obrigatoriamente ten que avalar todo contrato. E non é de estrañar tanta reticencia dado que estes informes son todos desfavorables e ademais ata en 17 ocasións se lle advirte desde a secretaría do concello á Antonio Pérez que tales contratos incorren en fraude de lei: insuficiencia de trámites na información pública e selección que establece a constitución, grave incidencia no Plan de Axuste de marzo de 2012, risco de Indefinición na empresa municipal co conseguinte gasto acumulativo, inexistencia de crédito axeitado, etc, etc... E todo elo para colocar e recolocar a interventores electorais do Partido Popular e algún parente directo, e o máis grave e sangrante, sabendo que o que estaba a facer de xeito reiterado e consciente era ilegal, é dicir, prevaricando en toda regra coa interesada cegueira dos seus departamentos de persoal e facenda.
 
Agora só lle resta unha última lección desa gran honorabilidade e alta catadura democrática da que fai gala: a honrosa dimisión, xa. Debe dimitir simplemente admitindo que se extralimitou nas súas funcións, A Limia non merece o fraco favor de pasar a vergoña da renuncia do alcalde da súa capitalidade por imperativo xudicial; pois, non que haxa a menor dúbida de que de non producirse a súa inmediata dimisión, o BNG interporá unha demanda penal acorde a flagrante prevaricación na que foi cazado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Lois Carreira Nado en Parada de Ribeira, Xinzo da Limia, Ourense, en 1971. Licenciado en Belas Artes pola Universidade do País Vasco. Artista plástico e concelleiro do BNG en Xinzo da Limia. Presidente da Asociación Cultural O Muíño da Lama.