Temas: DOG GARDARíAS

A Xunta dálle 10,64 millóns a entidades privadas para fomentar a gratuidade de gardarías

Outra orde do DOG prevé 7,51 millóns para entidades privadas de iniciativa social para "consolidar a oferta existente" neste ámbito.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/01/2021 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a convocatoria de axudas da Consellería de Política Social a entidades privadas, por un importe de 10,64 millóns de euros para dúas anualidades (2020 e 2021), co obxectivo de fomentar a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos.

De acordo co texto, "esta orde de convocatoria diríxese ás entidades privadas para darlle estabilidade e continuidade ao programa de gratuidade da atención educativa para segundos/as fillos/as e sucesivos nas escolas infantís 0-3".

En réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas a entidades privadas busca promover a aplicación nas escolas infantís (0-3 anos) dunha "bonificación do 100%" do prezo correspondente á atención educativa prestada entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de agosto de 2022 e da gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas para o curso 2021/22 por segundos fillos e sucesivos da unidade familiar.

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 10.636.364 euros, deles 6.500.000 euros en 2021 e 4.136.364 euros en 2022, que poderán ser obxecto de ampliación.

ENTIDADES PRIVADAS DE INICIATIVA SOCIAL

Por outra banda, a mesma consellería publica tamén este mércores no DOG outra orde pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís de 0-3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e procédese á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022.

Esta orde ten como finalidade "consolidar a oferta existente e ofrecer un servizo amplo de conciliación da vida familiar e laboral no que se preste unha atención educativa de calidade e cuns prezos homoxéneos para as familias".

Neste caso, o orzamento global, tamén para 2021 e 2022, é duns 7,51 millóns de euros, deles case 4,59 millóns o primeiro ano e algo máis de 2,92 o segundo.

Medidas de seguridade nunha escola infantil de Abegondo. CONCELLO DE ABEGONDO - Arquivo
Medidas de seguridade nunha escola infantil de Abegondo. CONCELLO DE ABEGONDO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Temas: DOG GARDARíAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta