Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2021 | Actualizada ás 13:36
A Xunta de Galicia convocou as axudas de mobilidade complementarias ás da Unión Europea no programa Erasmus+ para aqueles alumnos que, pertencentes ao Sistema Universitario de Galicia (SUG), participen en Erasmus Estudos no curso 2020/2021.
As axudas, cun orzamento total de 891.000 euros, repartiranse en función dos grupos de países determinados no Programa Erasmus+, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) do 13 de xaneiro.
Quedan excluídos da convocatoria os estudantes que gozasen deste tipo de axudas en cursos anteriores ou que non se desprazaron ao país de destino por estar a recibir formación virtual en Galicia.
Así, os estudantes que vaian realizar a súa estancia nun país do grupo 1 --os que teñen custos de vida superiores (por exemplo, Dinamarca e Reino Unido)-- recibirán 195 euros ao mes; do grupo 2 --os que teñen un custos de vida medio (como Alemaña, Francia, Italia e Portugal)-- recibirán 165 euros ao mes; e os que viaxen a destinos do grupo 3 --que contan cos custos de vida inferiores (Croacia e República Checa, entre outros)-- obterán 125 euros ao mes.
Ademais, o decreto estableceu que, en caso de existir remanente de crédito, adxudicarase unha contía uniforme de 500 euros entre as persoas solicitantes que posúan unha nota media igual ou superior a 7 puntos, "empezando polos expedientes de maior nota media".
O prazo de presentación das solicitudes para estas axudas, que se concederán para estancias de máximo de nove meses e dun mínimo de tres meses, será dun mes a partir do 14 de xaneiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.