O accidente máis tráxico de Galicia puido provocar un cento de mortos

ÚLTIMA HORA (12.00 horas). Fontes consultadas por GC falan xa de preto de 80 mortos e 145 feridos, varios sen identificar. Aínda hai corpos atrapados nun dos vagóns. Varios feridos seguen moi graves. Habilitado o Pavillón do Sar para os falecidos. Suspendidos os actos da festa do Apóstolo. Cobra importancia un erro técnico ou humano ou a "alta velocidade" do tren como motivo do accidente.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/07/2013 | Actualizada ás 22:46

Comparte esta noticia

Máis de 80 mortos e 141 feridos. Esa é a cifra confirmada por GC de fontes consultadas logo do descarrilamento dun tren en Angrois, Santiago. O concello habilitou o Pavillón do Sar para levar os falecidos.

Tráxico accidente de tren en Santiago de Compostela con vítimas mortais, na véspera do Día de Galicia
Tráxico accidente de tren en Santiago de Compostela con vítimas mortais, na véspera do Día de Galicia

Os servizos de emerxencia estiveron traballando ao longo de toda a noite e a primeiras horas da mañán puideron acceder ao vagón máis danado que se atopaba incrustrado entre outros dous. Del retiraron xa case unha dúcia de cadáveres e non descartan que poidan haber "moitos máis".

Hipóteses

Nun primeiro momento falouse de que se podía ter tratado dun atentado, pero fontes presencias aseguran que o motivo puido ter sido unha elevada velocidade. En todo caso, as investigacións sobre o accidente seguen abertas.

O tren, un Alvia, cubría o traxecto entre Madrid e Ferrol descarrilou pasadas as 20.30 horas. Testemuñas presenciais afirman que o tren se partiu en dous, e a máquina e os catro primeiros vagóns descarrilaron, outro intermedio voou sobre un terraplén até caer moi preto das vivendas, e o resto envorcou.

Tráxico accidente de tren en Santiago de Compostela con vítimas mortais, na véspera do Día de Galicia
Tráxico accidente de tren en Santiago de Compostela con vítimas mortais, na véspera do Día de Galicia

Veciños da zona tamén indicaron que chegaron a escoitar un ruído, previo ao descarrilamento, e acto seguido xa se produciu unha gran fumareda. Até o lugar desprazáronse efectivos da Policía Nacional, así como un equipo de bombeiros, ambulancias medicalizadas, e unha representación da Xunta.

Reforzo de médicos

O Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) reforzou os servizos de urxencia, e até o complexo médico foron trasladados por agora un cincuenta feridos, informan fontes sanitarias.

A ministra de Fomento, Ana Pastor, e o secretario de Estado de Fomento, Rafael Catalá, así como membros da comisión de investigación de accidentes ferroviarios desprazáronse até o lugar do accidente.

Ademais das autoridades de Fomento, persoal de Adif e Renfe atópanse no lugar da traxedia para avaliar os danos.

Suspendidas as festas

Por outra banda, o Concello de Santiago decidiu suspender os actos previstos para as festas do Apóstolo, sobre todo, os tradicionais fogos desde a catedral. Aínda que os motivos oficiais é pola gravidade do accidente, fontes consultadas aseguran que, nun primeiro momento, se tomou a medida por motivos de seguridade, xa que logo do descarrilamento, incrementaronse as medidas de seguridade no entorno da catedral por temor a accións terroristas, descartadas, posteriormente, por Interior.

Imaxes da traxedia compartidas por usuarios de Twitter.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

1 Digan a verdade

Hai unhas semanas, "la voz", xa falaba dese tren como algo vello, que sobraba noutras liñas: http://www.lavozdegalicia.es/notici...