O PP levará ao Senado varias iniciativas para evitar novos despedimentos en Ferrolterra

Entre as propostas atópanse o dotar de carga de traballo de maneira "inminente" o estaleiro de Navantia.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/02/2021 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

Os senadores ferroláns Juan Juncal e Verónica Casal levarán á Cámara alta varias iniciativas que buscan evitar que se produzan novos despedimentos nesta zona, entre as que se atopa dotar de carga de traballo de forma "inminente" o estaleiro de Navantia.

Navantia.
Navantia.

O exalcalde de Ferrol e deputado autonómico, José Manuel Rey Varela, volveu denunciar a "situación de abandono" da comarca e emprazou o Goberno a adoptar as "medidas necesarias". "Ímolo seguir reiterando agora máis que nunca, cando se presenta un futuro complicado para Siemens Gamesa, Endesa e Navantia", sinalou.

Pola súa banda, Juan Juncal trasladou que "Siemens Gamesa comente un erro substancial", tras a súa decisión de peche da planta das Somozas, "dado ao potencial de desenvolvemento da enerxía eólica en España, tanto na eólica terrestre como na mariña". "Son libres de desenvolver a súa actividade onde o crean máis conveniente, pero non teñen en conta o importante mercado que se abre no noso país", apuntou.

Neste punto, tamén lamentou que "o Goberno de Sánchez apostase por unha transición inxusta para a central térmica das Pontes, sen ter en conta outras alternativas, sen avanzar na produción eléctrica sen carbón e sen preparar ao municipio para afrontar a perda de emprego, que repercutirá directamente na economía local".

Pola súa banda, Verónica Casal demandou que "o Goberno do Estado contrate un barco a Navantia Ferrol para dotar de carga de traballo o estaleiro mentres non se inician os traballos da primeira F-110". A tamén senadora incidiu en que a construción destas fragatas "xestouse durante o mandato popular, consignando 252 millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) do 2018 e que, tras a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno paralizouse, a pesar de que había diñeiro reservado".

A popular reclamou coñecer "o calendario dos prazos previstos para o corte de chapa e planificación dos traballos de construción das fragatas F-110". "Non queremos máis atrasos que só veñen incrementar o número de operarios das auxiliares na lista do paro", trasladou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta