Baltar insiste sobre a moción en Ourense: "Co PSOE en coalición si, con Villarino na Corporación non"

O presidente da Deputación de Ourense criticou "as actuacións" de Rafa Villarino ao longo dos anos sinalando, "todos o coñecemos, lemos os libros, sabemos as sentenzas e un engano máis non o imos admitir".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2021 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Ourense, o popular Manuel Baltar, insistiu, tras anunciar o socialista Rafael Rodríguez Villarino a súa disposición a renunciar a ser candidato para facilitar unha moción de censura contra Gonzalo Pérez Jácome (D.Ou.): "Co PSOE en coalición si, con Villarino na Corporación non".

Manuel Baltar asistiu ás casetas das diferentes librarías expostas en Ourense para conmemorar o Día do Libro, onde foi preguntado polos medios de comunicación sobre a situación política da cidade.

Respecto diso, incidiu no que xa trasladara o seu partido, a moción de censura non sairá adiante ata que Rafa Villarino abandone a corporación municipal. "Esta xogada é unha mostra máis da súa maneira de facer política", acusou Baltar.

Preguntado antes se vía unha maior "posibilidade de entendemento" co actual rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome, ou co candidato socialista, Rafa Villarino, o presidente provincial sentenciou, "con Jácome xa houbo entendemento, houbo goberno, aprobáronse orzamentos" e mesmo "estabamos a piques de aprobar o Plan de Urbanismo".

Nesta mesma liña, censurou, "Villarino é o 'non' en maiúsculas". "Na gobernabilidade da cidade o Partido Popular ten moito que dicir, xa o expresou a portavoz municipal, Flora Moure, na sede provincial esta mesma semana dicindo que co Partido Socialista en coalición si, pero sen Villarino na corporación".

Do mesmo xeito que expuxera a portavoz municipal, Baltar cuestionou o modo de apartarse de Villarino, "sabemos o procedemento para que vaian renunciando todos e para que volva ao final ao que lle correspondería en primeiro lugar, quedando el como alcalde", apuntou.

CRÍTICAS A VILLARINO

Así pois, criticou "as actuacións" de Rafa Villarino ao longo dos anos sinalando, "todos o coñecemos, lemos os libros, sabemos as sentenzas e un engano máis non o imos a admitir", para a continuación apostilar, "é unha persoa que ademais mantén aberto o recurso contra os autónomos da provincia de Ourense".

"Cunha persoa que fai da propaganda, da manipulación e do insulto a súa forma de facer política non imos a ningún lado", censurou o presidente provincial.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.. DEPUTACIÓN DE OURENSE
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.. DEPUTACIÓN DE OURENSE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta