Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/05/2021 | Actualizada ás 17:48
A sección terceira da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de avalar, por segunda vez, as medidas ordenadas pola o Xunta para a xestión da pandemia, entre elas, unha semana máis a limitación de reunións de máis de seis persoas en exteriores e catro en interiores e a prohibición de encontros entre a 1 e as 6 da madrugada. Estas medidas están vixentes ata as 00,00 horas do sábado e, precisamente, sométense a revisión na reunión do comité clínico deste martes.
No auto notificado este martes, contra o que cabe recurso ante o Supremo, e despois de que o luns a Xunta enviase a orde publicada polo Diario Oficial de Galicia (DOG) na súa edición bis o pasado venres, os maxistrados destacan que a "temporalidade" das medidas xustifica que sexan "proporcionadas e necesarias", de acordo cos datos epidemiolóxicos de cada momento.
Ademais, recolle o auto que, segundo os datos achegados polo Goberno galego, "non se está alcanzando a redución da incidencia a 14 días desexable, que sería por baixo dos 50 casos por 100.000 habitantes, e a velocidade é lenta, polo que, de relaxarse as restricións, podería volver aumentar a incidencia do virus".
Ademais, a propia Xunta apuntou na súa petición de ratificación que a media de pacientes en hospitalización de agudos nos últimos sete días foi de 120,4, o que leva unha taxa de 4,5 ingresados por cada 100.000 habitantes.
O TSXG destaca que nos informes e estudos presentados pola Administración galega "ofrécense cifras concretas contextualizadas sobre a evolución da pandemia e a incidencia nela das medidas propostas". Precisamente, o alto tribunal advertira ao Goberno galego, despois da primeira petición de ratificación de medidas tras o levantamento do estado de alarma, que tiña que remitir maior información á sala do contencioso para demostrar en que informes apoiaban as súas medidas, xa que non habían apuntados.
Neste caso, os xuíces apuntan que "se ofrecen cifras concretas contextualizadas sobre a evolución da pandemia e a incidencia nela das medidas propostas".
Galicia ten como medidas xerais o límite de reunións de catro persoas en interiores e seis en exteriores, o cal rexe tamén para a hostalaría. Os bares e restaurantes poden abrir ata a 1 da madrugada, se serven ceas, e ata as 23 horas se unicamente serven bebidas.
Entre a 1 e as 6 da madrugada están prohibidas as reunións de non conviventes tanto na rúa como nos domicilios privados.
LOBIOS, TOQUE DE QUEDA E PECHE PERIMETRAL
Ademais, o TSXG tamén avala o peche perimetral e as limitacións á mobilidade nocturna durante as 23 e as 6 horas e ás agrupacións de persoas impostas ao Concello de Lobios por atoparse nunha situación epidemiolóxica de maior gravidade que o resto dos concellos.
Os xuíces indican que os datos de Galicia sobre a evolución da pandemia "mostran o efecto das medidas na curva epidemiolóxica, comprobándose unha relación causal entre as datas de establecemento de restricións e o comportamento posterior da curva, en sentido descendente".
Sobre o peche perimetral do Lobios, os xuíces destacan que a normativa, ademais, "establece supostos excepcionais de mobilidade que constitúen un contrapeso á limitación xeral do dereito e que posibilitan no caso concreto a ponderación de bens xurídicos en conflito, polo que non se produce un sacrificio absoluto aos dereitos restrinxidos".
Ademais, subliñan que "as circunstancias singulares de tránsito" neste concello "revelan a medida especialmente eficaz para conter a transmisión do virus".
Para a sala resulta acreditado que a adopción combinada das medidas de restrición de mobilidade nocturna, a limitación á reunión a determinado número de persoas e a contención da poboación mediante peche perimetral "revélanse sumamente eficaces para alcanzar o resultado proposto de preservación da saúde da poboación, limitando os contaxios internamente, nos espazos afectados, neste caso no concello, e, ao mesmo tempo, preservando o resto do territorio da exposición ao contacto con cidadáns con máis alto risco de contaxio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.