Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/07/2021 | Actualizada ás 17:55
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) encomendou a xestión do servizo telefónico vinculado á covid-19 á empresa pública de servizos sanitarios Galaria, cuxa xerente é a exconselleira de Sanidade Rocío Mosquera.
Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), Galaria asumirá a realización das actuacións necesarias para a xestión dos servizos de 'contact center' relacionados co teléfono 881.002.021 e outros de carácter telefónico do Sergas vinculados co control da pandemia.
Deste xeito, búscase "garantir uns servizos a través dunhas liñas telefónicas específicas que eviten o colapso noutras de atención telefónica sanitaria".
O importe da encomenda ascende a máis de 693.000 euros, que se abonarán tras a xustificación dos gastos. Ademais, o encargo permanecerá vixente "ata que se normalice a situación derivada da pandemia" e como máximo ata finais de 2021. No caso de que a crise sanitaria continúe e sexa precisa a realización destes servizos de atención telefónica a partir de 2022, efectuarase un novo encargo.
O obxectivo é dispor de información que permita actuar para controlar a propagación da patoloxía e canalizar a atención aos cidadáns desprazados na comunidade con síntomas ou procedentes de zonas de risco, segundo explicaron fontes da Consellería de Sanidade.
En concreto, a sociedade pública asumirá as chamadas correspondentes a turistas que presenten síntomas compatibles coa covid-19, a dúbidas relacionadas coa vacinación e ao rexistro de visitantes. Ademais, xestionará o contacto con persoas que busquen cambiar o número de teléfono vinculado ao seu cartón sanitario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.