Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/07/2021 | Actualizada ás 14:47
A Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Amterga) presentou este venres a campaña 'O cerco, un xeito de vida', co dobre obxectivo de "formar" e "informar" á poboación galega sobre a importancia da pesca sustentable e o valor nutricional do peixe.
O presidente de Amterga, Jose Manuel Saavedra --quen conduciu a presentación-- explicou que a campaña tivo o seu inicio en 2020, coa produción dun documental visible nas redes da asociación. "Para 2021 temos pensadas varias iniciativas co obxectivo de concienciar sobre a importancia do mar para Galicia", engadiu.
Xunto a Saavedra atopábase a secretaria xeral de Pesca, Alicia Villauriz, que puxo en valor a importancia do "consumo responsable e sustentable" de peixe. Tamén destacou o traballo de asociacións como Amterga "para protexer un dos medios de supervivencia máis importantes para o ser humano".
A secretaria agradeceu ao sector pesqueiro os esforzos realizados desde o comezo da crise sanitaria para "sobreporse" á pandemia. "O sector lidou cunha situación complicada por ter que convivir cuns prezos do produto distorsionados", finalizou Villaruiz.
No acto de presentación, realizado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, tamén interveu a conselleira de Mar, Rosa Quintana, que felicitou á frota de cerco por traballar de forma "sustentable" e "responsable" cun produto "de proximidade e moi selectivo".
A conselleira destacou a importancia de iniciativas como 'O cerco, un xeito de vida' como forma de valorar a actividade pesqueira sustentable, así como difundir o estilo de pesca de cerco, co obxectivo de "propiciar a substitución xeracional".
Quintana iniciou a súa intervención cunhas palabras de homenaxe aos dous mariñeiros falecidos na costa de Cedeira despois de que o seu barco afundise o pasado 17 de xuño. "O mar, que tanto nos dá, ás veces tamén nos quita moito", lembrou a responsable de Mar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.