Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 06/03/2025 | Actualizada ás 16:19
Persoal da Administración pública concentrouse ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamar "a recuperación de dereitos laborais e salariais do persoal empregado público". Durante a protesta, convocada pola CIG, pediron a xornada de 35 horas e unha subida salarial do 5 % asegurando que nos últimos 15 anos o funcionariado "perdeu máis do 20 % do seu poder adquisitivo".
A CIG demanda a introdución dunha cláusula de garantía salarial que vincule a subida dos salarios ao IPC, que esta cláusula estea protexida por lei e que se aplique ao conxunto do persoal. Tamén defende a creación de novas prazas, a actualización dos perfís laborais (perfís dixitais), a regulación do teletraballo e a recuperación da xubilación parcial aos 61 anos, entre outras medidas.
Esta mobilización estivo protagonizada por delegados da central sindical e enmárcase nunha campaña de accións reivindicativas que comezaron o pasado xoves na Coruña diante da Delegación do Goberno, e está previsto que a próxima semana continúen na Subdelegación de Ourense; mentres que o día 20 haberá concentración na Subdelegación de Lugo.
Estas protestas coinciden coa negociación dos Orzamentos Xerais do Estado polo que a CIG reclama ao Goberno que convoque xa a Mesa Xeral das Administracións Públicas para negociar e aplicar de inmediato unha seria de medidas que revertan esta "situación de empobrecemento". Ademais, a CIG acusa a CC.OO., UGT e CSIF de contribuír a esa perda de poder adquisitivo e propón crear un ámbito de negociación específico para Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.