Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2021 | Actualizada ás 20:15
Dous meses despois do final do estado de alarma e apenas unhas semanas da desescalada galega que incluíu a reapertura do lecer nocturno o primeiro fin de semana de xullo, o comité clínico que asesora á Xunta na toma de decisións na pandemia polo SARS-Cov-2 reunirase este martes coa lupa nas cidades, que salvo no caso de Santiago de Compostela e Ferrol, teñen a incidencia de casos por covid disparada nos últimos 14 días e, especialmente, acumulan decenas de casos no últimos sete.
"Non se pode minimizar o problema", advertiu o especialista en medicina intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e integrante do comité clínico, Pedro Rascado. "Os datos son para empezar a estar preocupados", sinalou.
O intensivista do CHUS observou que a incidencia está a aumentar "dunha maneira diferente a ondas anteriores, porque a poboación afectada é diferente", polo que "haberá que actuar función diso", xa que a priori é "de menor risco". "Pero hai un risco importante, non podemos minimizar o problema e pensar que non teñen complicacións", aseverou.
Así, puxo o acento en que a covid "afecta a todo o mundo" e en calquera franxa de idade "pode complicarse". No entanto, conveu que á hora de tomar decisións "hai que considerar a repercusión asistencial, ver como vai evolucionando".
Neste sentido, apuntou que os niveis de incidencia actuais "non son comparables cando afectan a poboación de 30 ou a poboación de 60 anos". Por tanto, sostivo que "as medidas e os niveis non poden ser iguais".
"As medidas e os niveis poden non ser iguais. Non sendo iguais, non podemos pensar que non é un problema. É unha situación preocupante, hai que frealo antes de que siga adiante e teña unha repercusión asistencial", manifestou o doutor Rascado que, sen adiantar medidas concretas, xa que hai que "maduralas" no seo do comité clínico, sinalou que todas as restricións que nalgún momento se tiveron que adoptar foron válidas no seu momento.
Así, lembrou que "durante este ano aprendemos todas as posibilidades de medidas máis ou menos restritivas, de aforamentos, peches, e outras que afectan a dereitos individuais". "Todas as que vimos son medidas que funcionaron. Dun momento a outro haberá que expolo, sempre da maneira máis cirúrxica posible. Todas as medidas que se viron efectivas están encima da mesa", advertiu.
O especialista en Medicina Intensiva lembrou que a vacina "é efectiva, pero non no 100 por cen dos casos, senón que protexe da infección máis grave". Con todo, avisou de que canto máis suba a incidencia, "máis aumenta a probabilidade de que os vacinados teñan" a infección e, por tanto, tamén de que acabe con algunha "complicación grave".
En síntese, o doutor Rascado indicou que "non se pode mirar cos mesmos ollos" os datos da pandemia que "hai uns meses cando non había vacinación". "Pero non no outro extremo, no que non se vexa que é un problema, porque é un problema" e hai que exporse "que medidas pomos encima da mesa para poder atallalo".
SITUACIÓN DAS CIDADES
Salvo a Santiago de Compostela e Ferrol, o resto das cidades galegas ten unha incidencia que se corresponde cos niveis máis altos. Ourense sobresae con máis de 500 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días.
Concretamente, a cidade das Burgas acumula 550 casos nos últimos 14 días, dos cales 441 rexistráronse na última semana, o que sitúa á cidade cunha incidencia de máis de 500 casos a 14 días e de máis de 250 a sete días, segundo os datos recompilados da web do Sergas.
Esta situación pasou desapercibida para o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que na súa conta de twitter di, con ironía, que Ourense "despega cara ao abismo" e apunta que suma máis de 110 infectados. Ademais, na mesma conta persoal apuntaba este domingo que no cribado entre Ourense e Barbadás, ao que só acudiu o 43 por cento, detectáronse 40 positivos, polo que era extrapolable a que hai "50 asintomáticos pola cidade".
A Coruña, Lugo, Vigo e Pontevedra teñen unha incidencia acumulada de entre 150 e 250 casos nos últimos 14 días. Na cidade herculina, sumáronse 249 casos no últimos sete días, polo que totaliza en dúas semanas 424 contaxios detectados.
No caso de Lugo, son 197 casos nos últimos 14 días, dos cales 153 rexistráronse na última semana. Mentres, Pontevedra sumou outros 124 na última semana e acumula 201 a 14 días, o que a sitúa tamén nunha incidencia na franxa de 150-250.
A cidade de Vigo acumulou 679 casos novos a 14 días e, deles, 501 foron contaxios detectados na última semana. O alcalde, Abel Caballero, advertiu que a pandemia "segue indo moi mal" e referiuse ao aumento nun 23,3 por cento da incidencia ata os 226 casos por cada 100.000 habitantes.
SANTIAGO E FERROL
Mentres, Santiago permanece cunha incidencia de entre 25 e 75 casos a sete días, polo que aínda que sumou 102 novos casos nas últimas dúas semanas (dos cales 62 foron esta última), aínda está en mellor posición. O seu alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, avisou da "mala tendencia" da incidencia, aínda que valorou que de momento se manteñan máis baixos que a media.
Pola súa banda, Ferrol acumula 93 casos nos últimos 14 días e unha incidencia de entre 50 e 150 casos, aínda que deses contagios, 70 déronse no últimos sete días.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.