Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2021 | Actualizada ás 12:32
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que o comité clínico que se reúne este martes e que asesora á Xunta na toma de decisións na xestión da pandemia "modelará" o nivel de restricións á situación epidemiolóxica actual, e a subida "explosiva" de casos. Entre outras posibilidades non se descartan medidas nos grupos de persoas e tamén se revisarán as medidas dos grandes eventos.
En declaracións aos medios, Comesaña fixo de novo un chamamento especial aos mozos a que acudan aos cribados poboacionais que está a convocar o Sergas, ante a baixa participación que se detectou destes grupos.
Comesaña dixo que "calquera agrupación de persoas preocúpalles", polo que indicou que se "analizarán" todas as medidas e actuacións previstas, aínda que dixo que por exemplo nos concertos a distancia de seguridade e os controis de aforamentos e accesos "dá máis garantías" que as concentracións nas rúas.
O conselleiro de Sanidade tamén destacou que a semana pasada, coa reapertura do lecer nocturno nos concellos cun nivel medio de incidencia, impúxose tamén o requisito dun test negativo ou certificado de vacinación para acceder aos locais. Esta medida que se poderá tamén estudar para outro tipo de eventos, dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.