A Xunta volve limitar a dez persoas os grupos nas terrazas e recoméndao en domicilios

Precisarase unha PCR negativa ou certificado de vacinación para acceder aos locais de ocio nocturno independentemente do nivel de restricións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/07/2021 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

Galicia dá "un paso atrás" na desescalada e os grupos nas terrazas da hostalaría volverán estar limitada a dez persoas nas terrazas, unha obrigación para este tipo de establecementos pero que tamén é unha "recomendación" no ámbito privado.

Varias persoas, na terraza dun bar a 9 de maio de 2021, en Ribadeo (Lugo)
Varias persoas, na terraza dun bar a 9 de maio de 2021, en Ribadeo (Lugo) | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Ademais, todas as persoas que accedan aos locais de lecer nocturno --independentemente do nivel do seu concello-- terán que presentar unha proba PCR negativa ou un certificado de vacinación, pero esta medida, como precisou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, non será obrigatoria ata o vindeiro martes, polo que este fin de semana só se pedirá nos concellos cun nivel de incidencia medio (e non medio baixo).

Este novo paquete de medidas que o propio conselleiro de Sanidade referiu como "un paso atrás" na xestión da pandemia chega despois de que o presidente da Xunta apuntara á implatanción de máis límites ás reunións en hostalaría ante o aumento de contaxios que vén rexistrando a comunidade galega. Con todo, Feijóo sosteu na xornada do pasado martes que as restricións terían lugar "nas próximas semanas"

A PARTIR DO SÁBADO

O comité clínico que asesora á Xunta apostou como principal medida a partir do sábado limitar os grupos a dez persoas na hostalaría, sempre que sexa exterior, e manter o máximo de seis nos interiores, nunha situación na que a presión asistencial non está comprometida pero si hai unha incidencia "disparada" nos mozos menores de 30 anos. Supón, en palabras do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, un "paso atrás" na desescalada que tamén afecta a eventos como vodas, aínda que neste caso a partir da fin de semana que vén.

Este límite de "obrigado cumprimento", como lembrou o conselleiro de Sanidade, trasládase como "recomendación", como así quedará fixado no Diario Oficial de Galicia (DOG), para o resto de ámbitos privados, aínda que a Xunta non adoptou ningunha medida que implique por agora restricións individuais e, por tanto, autorización dos tribunais.

Esta nova medida, xunto coa obriga de presentar unha proba PCR negativa ou un certificado de vacinación completa no lecer nocturno é a única decisión anunciada pola Consellería de Sanidade con respecto ás restricións, pero o titular do departamento autonómico abundou na mensaxe lanzada polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, de que se a incidencia segue crecendo de forma "exponencial" haberá que endurecer as limitacións.

Por agora, aínda que o comité clínico "baralla todas as posibilidades", "decidiuse comezar por esta obrigatoriedade imporante, que é un paso atrás limitando os grupos, sen descartar que pase a ser obrigatorio en todos os ámbitos", o que obrigaría a pedir autorización xudicial.

"Víronse todas as posibilidades e non descartamos o nivel máximo de restricións (toque de queda e peche perimetral)", aseverou Comesaña, quen indicou que tamén se estudan ampliar os requisitos do lecer nocturno a outras actividades como eventos culturais. "Non é descartable que se poña a recomendación de facer probas diagnósticas", engadiu.

NOVO MODELO E SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA

O comité clínico deseñou un novo modelo matemático para relacionar a incidencia de casos coa presión hospitalaria e o nivel das urxencias que permite a concellos que teñen máis casos acumulados manterse en escalas baixas do semáforo de restricións. Este sistema que se aplicará agora é "variable" e axustarase practicamente a diario, segundo confirmou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, quen non aclarou, con todo, os datos concretos que pesaron para as decisións de niveis que entran en vigor o vindeiro sábado.

Galicia ten actualmente 6.298 casos activos, dez persoas en críticos, a metade deles (cinco) teñen menos de 40 anos, e 57 hospitalizados, que son catro máis que na xornada anterior. A incidencia a 14 días está en 201,38 casos por cada 100.000 habitantes e é de 142,46 a sete días, pero hai concellos que duplican esta situación.

En todo caso, Comesaña resaltou que se se compara co resto do Estado, a incidencia é mellor, pero "fracamente mala se se compara con hai unha semana". A directora xeral de Saúde Pública destacou a evolución da vacinación, máis de 1,5 millóns de persoas coa pauta completa e preto de 230.000 persoas en proceso de conseguila.

Na outra cara, os positivos seguen crecendo e a incidencia "dispárase", aínda que "non nos ingresos hospitalarios". "Pero hai que advertir de que iso non significa que as persoas non poidan acabar nunha cama hospitalaria ou na UCI", sinalou o conselleiro, quen indicou que o perfil de persoas en críticos responde a factores como mozos sen vacinar, persoas de entre 40 e 50 sen pauta completa e algúns de máis idade, inclusive unha persoa de 73 sen vacinar.

A directora xeral de Saúde Pública apuntou que o nivel reprodutivo instantáneo supera o límite de 1,5 que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para indicar que a pandemia está controlada. "É innegable o ascenso da curva", advertiu, aínda que a incidencia é practicamente a metade que na media do conxunto de comunidades (437 a 14 días en España).

A área de Ourense é a máis afectada neste momento, cunha taxa a sete días de 278,5 casos e de 352 a 14 días.

CASOS CONCÉNTRANSE NOS MOZOS

Os casos "concéntranse" na poboación máis nova. Así, a poboación entre 12 e 19 anos acumula unha taxa a 14 días de 717 casos por 100.000 habitantes e os mozos de entre 20 e 29 anos teñen unha incidencia de 782 casos por cada 100.000 habitantes. Segundo os datos máis actualizados do Instituto Galego de Estatística (IGE), Galicia ten uns 130.000 mozos nesa franxa de idade.

Pola súa banda, a poboación de máis de 30 e menos de 40, que aínda está en fase de inmunización de primeiras doses, ten unha incidencia de 298,7 por cento, uns casos que caen en picado nas poboacións de máis idade na comparativa.

Polo momento, a situción de contactios ten un impacto asistencial é "moderado" e non afecta, unha situación que se tivo en conta á hora de non endurecer máis as restricións. "Un modelo distinto que vai ir cambiando todos os días", confirmou Carmen Durán, quen subliñou que a situación asistencial "vai mandar" nas decisións que se adopten.

A variante británica está a deixar paso á delta. Así, Galicia ten confirmados 494 casos, dos cales 93 consecuenciación e o resto por compatibilidade na análise da PCR.

CONCELLOS

O comité clínico propuxo para nivel de restricións alto os seguintes concellos coa corrección de incidencia, é dicir, tendo en conta as hospitalizacións e urxencias: Ourense, Barbadás, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e O Barco de Valdeorras.

Neste grupo de concellos a hostalaría está pechada en interior e aberta ao 50 por cento en exterior. O lecer nocturno debe permanecer pechado.

En nivel medio estarán: Culleredo, Porto do Son, Carballiño, Sarria, A Pobra do Caramiñal, Marín, Pontevedra, Redondela, Vigo, Caldas de Reis, Salceda de Caselas e Boiro.

Ademais, baixo "vixilancia especial", neste mesmo nivel, estarán Sanxenxo, Ribadavia e Poio, xa que están "moi no límite" e, aínda que os seus valores correspóndense co nivel alto --xa cos parámetros actuais--, o comité clínico mantenos no nivel medio, o que lles permite manter máis aforamento, hostalaría aberta no interior e funcionamento do lecer nocturno, polo menos, ata a próxima revisión.

Concretamente, no nivel medio de restricións, o lecer nocturno pode abrir ata as 3 da madrugada coa obriga de PCR negativa ou certificado de vacinación completo --ou de recuperación da enfermidade en vigor--. A hostalaría funcionará cun 30 cento de capacidade interior e un 75 exterior, como ata agora.

O resto de concellos estará no nivel medio baixo de restricións, isto é, hostalaría cun 50 por cento de capacidade no interior e un 100 por cen en terrazas. E desde o martes día 20, será obrigatorio tamén o certificado negativo de covid no lecer nocturno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta