A Xunta estuda pedir unha PCR negativa na hostalaría das zonas máis afectadas

O subcomité clínico analizará este venres o posible endurecemento das medidas a establecer para o sector "con tal de non pechar".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2021 | Actualizada ás 21:36

Comparte esta noticia

A Xunta baralla medidas "máis restritivas" para a hostalaría naqueles concellos que presenten unha maior incidencia de covid-19 e así "evitar que pechen os establecementos", entre as que se atopa pedir unha PCR negativa para acceder aos locais das zonas máis afectadas polo virus.

Así se expresaron o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras manter unha reunión telemática, primeiro con representantes do lecer nocturno e, despois, ao redor do seis da tarde, con portavoces do sector da hostalaría.

Tal e como indicara Ruoda esta mañá en declaracións aos medios posteriores á reunión do Consello da Xunta, o obxectivo da reunión era "trasladar aos hostaleiros o balance da situación sanitaria e explicar as medidas adoptadas".

"O gran aumento de contaxios dos últimos días, que nos pon nunha situación difícil, obriga a ter en conta novas formulacións, que antes non considerabamos", recoñeceu Rueda, que destacou que a máxima pola que se rexe o Goberno galego segue sendo "compatibilizar as medidas sanitarias coa actividade económica, sobre todo tendo en conta como afectou a covid-19 ao sector".

Así, o vicepresidente confirmou que tentan "arbitrar" medidas que vaian en función do nivel no que se atopen as diferentes zonas. "Aplicaríanse segundo a incidencia desa zona concreta, e non en todo. A ninguén lle gusta establecer máis restricións, pero a hostalaría compréndeo e están dispostos a aceptalas, porque o que non queren é pechar", asegurou Rueda.

PCR NEGATIVA PARA A HOSTALARÍA

Preguntados por cales serían esas medidas, Comesaña sinalou que virarían arredor á distancia e os aforamentos, e mesmo "está sobre a mesa" pedir nos locais hostaleiros dos concellos con máis incidencia un certificado de vacinación completa ou unha proba diagnóstica negativa, "todo enfocado a que a situación actual non derive nos peches que ninguén desexa".

"A presentación dunha proba PCR negativa é unha posibilidade que está encima da mesa e que se abordará este venres no subcomité clínico", avanzou o conselleiro de Sanidade, que engadiu que o sector é "moi amplo", polo que hai que "estudar todas as opcións".

Neste sentido, o titular de Turismo matizou que, aínda de autorizarse a petición, "non sería para todos os concellos" --como ocorre co lecer nocturno--, "só para os que estean peor".

En referencia á petición dos hostaleiros de Lugo de implantar o toque de queda, Rueda, que xa sinalara esta mañá que a medida "non está encima da mesa", o vicepresidente asegurou que durante a reunión deste xoves "ninguén expuxo esa posibilidade".

LECER NOCTURNO

Respecto da reunión co sector do lecer nocturno, o vicepresidente primeiro sinalou que se trata dun encontro que fora programado con antelación para "analizar o balance dos primeiros 15 días de funcionamento desta actividade despois de tantos meses sen traballar".

O lecer nocturno, pola súa banda, móstrase "satisfeito" coas medidas acordadas polo Comité Clínico --PCR negativa ou "carné de vacinación", certificado que acredite que a persoa recibiu a puta completa da vacina-- e que entrarán en vigor o vindeiro martes.

"A reunión foi moi positiva. A Xunta segue apostando por conxugar saúde e, xa non só lecer, tamén emprego. E nestas circunstancias, a PCR negativa e o carné de vacinación son a única saída posible", sinalou o portavoz da Plataforma Galicia de Noite e xerente da Sala Pelícano na Coruña, Luís Diz.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, reúnense por videoconferencia cos representantes da hostalería. CONCHI PAZ
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, reúnense por videoconferencia cos representantes da hostalería. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta