Os lumes do Apóstolo non volverán ao Obradoiro "mentres estea o PSdeG", di o concelleiro de festas

Gonzalo Muíños explica que "na Catedral é xa imposible" lanzar os explosivos e que os tellados do Pazo de Raxoi "están moi danados".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

O concelleiro de mobilidade, seguridade cidadá e festas, Gonzalo Muíños, asegurou que "a idea" é que o espectáculo de fogos artificiais do 24 de xullo "non volva á Praza do Obradoiro" mentres o PSdeG estea no goberno.

Así o indicou este mércores na rolda de prensa ofrecida xunto a un dos responsables da empresa que se fará cargo do espectáculo, a valenciana Ricasam. "Na Catedral xa é imposible, e os tellados do Pazo de Raxoi, están moi danados, tampouco o resistirían. Xa imos investir máis dun millón de euros en arranxalos", sinalou Muíños.

O edil recoñeceu que a decisión, tomada polo goberno local por primeira vez en 2020, de "deslocalizar" o espectáculo foi "unha aposta arriscada", pero que, vista as respostas dos veciños, "foi acertada".

Así, os espectáculos de pirotecnia de Santiago Apóstolo, que terán lugar as noites do 24 de xullo e 31 de xullo, contan cun orzamento de 270.000 euros que finalmente recibiu a empresa valenciana. Os lumes do 24 de xullo lanzaranse desde cinco espazos diferentes --os mesmos de 2020--: a Alameda, Restollal, o parque de Carlomagno, o centro comercial As Cancelas e a Cidade da Cultura.

O responsable de Ricasam, Juan Manuel Humanes, sinalou pola súa banda que esta edición é "especial", polo que a compañía tentou deseñar un "espectáculo de altura". "Dispararanse 500 quilos en cada localización, máis de 750 quilos de explosivos por minuto", explicou Humanes, que recalcou que "todos os espectáculos son iguais", polo que non é necesario "velos todos".

"As funcións estarán sincronizadas para que os efectos sexan iguais e se aprecien desde todos os puntos", apuntou Humanes, que explicou que terán unha duración aproximada de 15 minutos, igual que os do día 31 de xullo.

Lumes do Apóstolo.. CONCELLO DE SANTIAGO
Lumes do Apóstolo.. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta