Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2021 | Actualizada ás 20:10
O doutor Vázquez Lima, membro do comité clínico que asesora á Xunta de Galicia respecto da pandemia de covid-19 e presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias, defendeu que occidente debe vacinar o terceiro mundo se non quere enfrontarse a unha nova pandemia. "Vostede, país occidental, se non quere enfrontarse a unha nova pandemia, vacine o terceiro mundo", indicou, de forma contundente, o doutor Lima nunha entrevista concedida este domingo a Cadena Ser e recollida por Europa Press.
O asesor do comité clínico asegurou que, "de seguir todo ben", "pronto podería anunciarse unha situación de 'normalidade con prudencia', pero "cun matiz": a vacinación en países subdesenvolvidos, "moi preocupante no mundo globalizado". "Os países occidentais deberían pensar en apostar pola vacinación neses países", sinalou, se non, "non se vai a acabar nunca". "Tanto que falamos de ser solidarios, imos selo de verdade. E se os países occidentais non queren selo, que pensen egoistamente na súa poboación, aínda que soe basto", argumentou.
Respecto da situación en Galicia, Lima prefire falar de "normalidade con prudencia" e non de "nova normalidade", unha situación cara a que se deu o primeiro paso coa saída do estado de emerxencia sanitaria declarada esta semana, que asegurou, se aconsellou "con unanimidade" por parte do comité clínico. Aínda que afirmou que, dada a incidencia acumulada rexistrada e as hospitalizacións por covid, "hai tranquilidade", o doutor Lima apelou á prudencia. A este respecto avogou por manter o uso da máscara en interiores e en lugares onde gardar a distancia de seguridade sexa "máis complexo".
MÁSCARAS EN INTERIORES
Neste sentido, e sobre a capacidade de hostalaría, recalcou que a situación é diferente á vivida antes de verán, cun 90% da poboación diana vacinada en Galicia e, agora, cos medidores de CO2 nos interiores dos locais. Así as cousas, preguntado sobre a posibilidade de manter as máscaras ata primavera, Lima recoméndaas nos ambientes xa citados, aínda que "no exterior, nestes momentos, coa situación epidemiolóxica e a vacinación actual, probablemente podería ser unha recomendación xenérica e non unha obrigación".
En canto á situación que nos poida esperar no inverno, o membro do comité clínico, indicou que debe preocupar "o mesmo que todos os anos". "Ás enfermidades prevalentes da época, sumarase a covid", sinalou. "O idóneo --subliñou-- sería respectar as medidas sanitarias como se fai noutros países. Como en Asia, por exemplo, que utilizan máscaras cirúrxicas no transporte público. Deberiamos aprender desas condutas que, máis que de protección persoal, son de respecto polos demais", comentou, tras o que matizou que non só respecto da covid-19, senón de moitas outras enfermidades respiratorias.
Máis aló do seu desexo, o doutor si considera que certas medidas quedarán, aínda volvendo á normalidade --da que, asegura, só se poderá falar cando se exceda o 90% da poboación vacinada--, como podería ser o uso da máscara en determinados ámbitos como o acceso aos hospitais, ou a utilización de medidores de CO2, máis aló da covid, para analizar a calidade do aire.
VACINACIÓN
Dados os incrementos nos casos que se viñeron rexistrando nos últimos meses noutros países europeos, a Lima preguntóuselle sobre se unha situación así é posible aquí, algo que non contempla. Comparando con Gran Bretaña, Lima afirmou que "as circunstancias son completamente distintas", posto que os ingleses decidiron levantar medidas como a obrigatoriedade das máscaras e contan cunha porcentaxe de vacinación moito máis baixo (do 60%).
"A vacinación é efectiva para a letalidade da enfermidade e para reducir o número de hospitalizados, pero tamén para os contaxios. É certo que non tanto como coas primeiras variantes, pero mantén o 50% de efectividade coa delta, que é a prevalente aquí", explicou. O doutor Lima tamén comentou a inoculación de terceiras doses, "absolutamente recomedada" para xente con problemas de inmunidade. En canto ao resto da poboación, "sería máis discutible, non sería estritamente necesario".
MÁSCARAS EN COLEXIOS E ESPECIALIDADE DE URXENCIAS
En canto ao uso das máscaras nos centros educativos, nos recreos, Lima prefire "seguir sendo prudente". "Por baixo dos 12 anos non temos a ninguén vacinado, é onde temos máis incidencia, moi baixa si, pero haina. Prefiro ser extremadamente prudente con todo o vivido nesta pandemia", comentou.
Por último, Lima defendeu a necesidade dunha nova especialidade de urxencias "pola propia seguridade de todos os pacientes", unha decisión que, sinalou, está agora en mans do Ministerio de Sanidade. "Necesitamos, por unha banda, verdadeiros expertos que saiban moi ben que facer nesa 'hora de ouro' na que o paciente xoga o seu futuro; e por outra, unha renovación xeracional, xente que vocacionalmente queira dedicarse a isto", explicou, para destacar a continuación que só Portugal, España e Chipre "non contan con esta especialidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.