Os traballadores de Xeal retoman o mércores as mobilizacións por un "convenio digno"

"Diante desta nova agresión da empresa ao dereito á negociación colectiva", o comité previu solicitar unha mediación "para tentar desbloquear a situación e poder iniciar unha negociación real do convenio propio que salvagarde os dereitos do conxunto do persoal".

Por E.P. | A CORUÑA | 05/11/2021 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

O comité de Xeal, antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas, acordou retomar o calendario de mobilizacións semanais "en resposta ás pretensións da dirección de deixar decaer o actual convenio de empresa e pasar a aplicar o convenio provincial do metal da Coruña, de condicións salariais, laborais e sociais inferiores".

Segundo informa, a primeira concentración en demanda dun "convenio digno" terá lugar o mércores día 10, ás 17,15 horas, diante da fábrica de Brens, en Cee. O comité denuncia, ademais, que "a estratexia da empresa pasa por dilatar de maneira indefinida as negociacións ata provocar a caída do convenio".

"Diante desta nova agresión da empresa ao dereito á negociación colectiva", o comité previu solicitar unha mediación "para tentar desbloquear a situación e poder iniciar unha negociación real do convenio propio que salvagarde os dereitos do conxunto do persoal".

Coas mobilizacións que comezarán a próxima semana, tamén queren reclamar á dirección un calendario para o "rearranque dos fornos parados". "Que contemple datas concretas e previsións de produción de face ao próximo ano", sinala.

Concentración de traballadores de Xeal no Ézaro
Concentración de traballadores de Xeal no Ézaro | Fonte: Comité de empresa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta