Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2021 | Actualizada ás 15:17
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, defendeu este sábado a utilización do pasaporte covid en hospitais, "que achegará seguridade", e lembrou que a pandemia "non desapareceu".
Nunha visita ao concello de Marín, onde asistiu á presentación do proxecto deseñado polo municipio que opta aos fondos dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), Rueda destacou que a nova medida "está na liña doutros casos autorizados polo TSXG". A este respecto, aínda que confirmou que a petición de autorizacion realizarase "inmediatamente", non concretou prazos.
O vicepresidente tamén se pronunciou sobre o aumento da incidencia do virus na Comunidade. "Grazas á vacinación, seguro, os efectos non son os que se producían hai meses, pero segue habendo contaxios, polo que non podemos esquecer que o virus segue circulando", apuntou.
Rueda indicou ademais que sería "un erro" pensar que o que pasa noutros lugares --o incremento de casos--, non lle afecta a Galicia. "Outra cousa é que nos colla mellor preparados desde o punto de vista sanitario", asegurou.
Nesta liña, o conselleiro fixo un chamamento á prudencia e a seguir tomando medidas. "Todos buscamos non dar pasos atrás. Hai que lembrar que se se coida cada un, coidámonos todos. Ás veces ven imaxes de xente que parece esquecelo", comentou Rueda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.