Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2021 | Actualizada ás 16:14
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recibiu este xoves a petición de autorización da Xunta para incorporar o certificado covid --de vacinación, recuperación ou test negativo-- á actividade da hostalaría diúrna. O Goberno galego e o sector acordaron que a acreditación se incorpore a restaurantes en todo o seu horario de apertura e aos demais establecementos a partir das 21,00 horas.
Xunto coa petición de autorización, respecto do que a Fiscalía se mostrou favorable, segundo desvelou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o Goberno galego tamén enviou un informe da Dirección de Saúde Pública cos argumentos sanitarios para a incorporación desta credencial á actividade da hostalaría. Esta petición dáse nun momento de expansión da pandemia provocada polo coronavirus, cunha taxa de positividade que alcanza en Galicia o 7,9 por cento e con máis de 3.500 persoas coa infección activa, o dobre que hai unha semana.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo confirmou que se enviou a petición de autorización "ás nove e media da mañá" deste xoves e destacou que o TSXG mantén unha "enorme dilixencia" e en "días, non semanas" evacua os asuntos. "Esperemos que ao longo da próxima semana poidamos ter o auto do tribunal, espero que favorable", confiou Feijóo, quen lembrou a actuación desde a "independencia e autonomía" do organismo xudicial, que será o que decida se o certificado estará en vigor coa mirada posta nas datas de Nadal.
"Sabemos que o informe da Fiscalía é favorable, así que esperamos que o TSXG manteña as teses nesa liña", apuntou Feijóo, quen matizou que, en todo caso, "lle corresponde ao TSXG ditar auto conforme á súa independencia". As novas medidas que publicará a Consellería de Sanidade no DOG, se solicita o aval do TSXG ao certificado covid, incluirán tamén a redución dos comensais por grupos, de forma que pasarán de dez a oito en interior e de 20 a 15, en exterior.
SITUACIÓN NOUTRAS COMUNIDADES
Galicia conta co certificado covid en vigor para o lecer nocturno, a actividade dos albergues (é necesario no caso de que se queiran ocupar o 100 das habitacións compartidas) e, desde hai case unha semana, como requisito para as visitas e acompañantes dos pacientes ingresados nun hospital.
Nas últimas horas, comunidades como a Valenciana veñen tamén de pedir autorización para a implantación do pasaporte covid, do mesmo xeito que tamén planea Castela e León. Pola súa banda, o Tribunal Superior de Xustiza de Navarra (TSJN) autorizou a Navarra implantar en determinados locais e situacións, con vixencia ata pasadas as datas festivas de Nadal.
No caso de Navarra, vaise pedir a todas as persoas maiores de 12 anos en restaurantes con capacidade para máis de 60 comensais, discotecas e salas de festa, establecementos con licenza de café-espectáculo e bares con licenza especial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.