O 061 pide precaución nas estradas e lembra os 62 accidentes da Semana Santa de 2024

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2025 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias, pediu á condutores precaución nas estradas ante o inicio dos desprazamentos polas vacacións de Semana Santa.

Nun comunicado, lembra que, cando se produce un accidente de tráfico, a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de gran utilidade. "En primeiro lugar, facilitando ao 061 toda a información relevante, e despois, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados".

"Nestas situacións, resulta fundamental o uso da App Sergas Móbil para chamar ao 061 porque permite geolocalizar a chamada e axilizar así a asistencia no punto do sinistro". "Para isto, deberá rexistrarse na App con anterioridade e facer a chamada desde a pestana laranxa", explica.

Por outra banda, incide en que "antes de auxiliar nun sinistro de tráfico, débese tratar de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente e prender as luces de emerxencia; pór roupa reflectora ou rechamante, pero nunca escura; e, por último, sinalizar o accidente cos triángulos de sinalización ou coa luz de emerxencia V-16".

"O que non se debe facer nunca é pór en perigo a propia vida". "Para iso, antes de atender aos accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade idóneas, para evitar novos accidentes". "Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións", apostila.

SEMANA SANTA DE 2024

En canto ao balance da Semana Santa de 2024, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu a 78 persoas debido a 62 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15.00 horas do mércores, 27 de marzo, ata as 23.59 horas do domingo, 31 de marzo de 2024. O maior número de atencións por sinistros rexistrouse o sábado con 17 accidentes. A Central de Coordinación do 061 recibiu neses días 83 chamadas en relación cos accidentes de tráfico.

Coche da Garda Civil de tráfico nun control nas estradas
Coche da Garda Civil de tráfico nun control nas estradas | Fonte: SUBDELEGACIÓN DO GOBIERN EN HUELVA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta