Mulleres de sal. Sonia Charlín, mariscadora a pé: "Antes sacabamos 200 euros ao día, agora nin 50"

Aos seus 51 anos, Sonia leva toda a vida no sector do mar. Comezou saíndo mariscar a frote e rematou cambiando ao marisqueo a pé. Pasou dun sector monopolizado por homes a un no que practicamente todas son mulleres. Lamenta que na actualidade moitas teñen xa idades avanzadas nas que os problemas fan mella e a realidade do marisqueo xa non é a de antes, apenas dá para vivir compaxinándoo con outros traballos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/04/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Durante séculos, as mulleres do mar sempre estiveron aí: cosendo redes, descargado caixas, recollendo marisco a pé, levantándose pola noite, coidando a casa mentres os seus maridos faenaban. Sostiveron un oficio, unha comunidade e unha cultura. Pero, a miúdo, permaneceron invisibles, relegadas á marxe das historias oficiais do mar. Con esta serie de reportaxes Galicia Confidencial quere mirar de fronte a esas mulleres: darlles voz, nome e espazo. Reivindicar o seu papel presente, pasado e futuro nun dos sectores máis emblemáticos de Galicia. Porque, sen elas, o mar galego non se entende. Hoxe son máis de 4.000 as mulleres que traballan directamente no sector pesqueiro galego, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), principalmente en actividades como o marisqueo a pé, as conservas e as tarefas de redaría. Aínda así, a súa visibilidade e recoñecemento continúan sendo moi inferiores ao seu peso real no sustento da cadea mar-industria. Continuamos a nosa serie falando cunha das integrantes dun sector no que a práctica totalidade dos traballadores son mulleres: o marisqueo a pé. Mulleres ás que lle debemos ese marisco que tanto nos gusta e desfrutamos no prato.

Sonia Charlín traballando como mariscadora a pé na Pobra do Caramiñal
Sonia Charlín traballando como mariscadora a pé na Pobra do Caramiñal | Fonte: GC

Sonia Charlín ten hoxe 51 anos e ten que facer unha pausa no seu traballo para lembrarse de cando comezou neste oficio, pois leva toda a vida formando parte do sector do mar. "Levo uns 22 anos na profesión", dinos mentres pasa o angazo pola area da praia dos Raposiños, na Pobra do Caramiñal. Ataviada cun traxe de augas e unha gorra para protexerse do duro sol que peta estes días, sorrí ao lembrarse de quen a iniciou neste mundiño: a súa avoa. "Eu dende pequeniña xa viña apañar ameixas coa miña avoa e encantábame, a min a praia xa sempre foi unha cousa que me gustou moito", asegura. A súa familia, como moitas outras da zona da costa, era xa de tradición mariñeira. "Meu pai era mariñeiro e miña avoa tamén adoitaba vir á cerca", conta. De feito, considera que aínda que os cursos que a día de hoxe se dán para formar á xente nova no sector están ben, "este oficio máis ben apréndese coa práctica, a pé de praia". Con todo, Sonia confesa que o marisqueo a pé non foi a súa primeira incursión no mundo laboral, nin tampouco o seu primeiro contacto profesional co mar.

"COMECEI MOI NOVIÑA INDO MARISCAR A FROTE E ERA DAS POUCAS MULLERES NUN SECTOR DOMINADO POR HOMES, NO MARISQUEO A PÉ É BEN DISTINTO"

"Eu comecei moi noviña indo mariscar a frote", conta. Toda unha fazaña aínda hoxe en día, pero máis aínda daquela, pois segue sendo un sector no que o 99 % dos integrantes son homes. "Cando entrei por primeira vez nunha embarcación, eu era das poucas mulleres que había no sector, o resto dos mariscadores a frote eran todos homes", detalla. Tras botar uns anos nesta dinámica de marisqueo, decidiu dar o salto do mar á terra, pois "aquilo requería moito máis esforzo, era moito máis duro, había que apañar as ameixas a maior profundidade, dende máis altura, e cada vez que rastrexas tes que levantar moito máis peso". Mentres sostén o angazo afirma que "eu nunca tiven que soportar ningún comentario machista por ser muller e estar no barco, sempre fun unha máis, pero tamén porque eu traballaba coma unha máis, como calquera dos homes". Pero, cando chegou ao sector do marisqueo a pé deuse conta dunha realidade ben distinta: alí practicamente a totalidade de integrantes eran mulleres, e aínda o son a día de hoxe. "Algún home vai entrando, pero seguen sendo moi poucos", sinala.

Para Sonia, o sector do marisqueo a pé ten (ou tiña) moitas cousas boas. Entre eles, como moitas outras mariscadoras, destaca a conciliación. "É un traballo que podes combinar con moitas outras cousas, porque xeralmente sempre vas laborar en horario de mañá e logo quédache o resto do día libre, podendo aproveitalo para estar coa túa familia, facer outros traballos, desfrutar de actividades...", destaca. E é que, "aínda que a hora de comezar a mariscar e de rematar depente moito da marea, polo xeral adoitamos saír entre 8 e 12 días ao mes, tamén dependendo de se estamos en inverno ou en verán, con días máis curtos ou máis longos en horas de sol". Así, "podemos comezar a mariscar cando se fai de día, ás veces tendo que madrugar pola marea ás seis da mañá e outras puidendo empezar ás dez e, arredor das cinco da tarde, como moi tarde, xa sempre temos que estar fóra da auga, porque a marea non nos permite seguir apañando", explica.

Sonia Charlín traballando como mariscadora a pé na Pobra do Caramiñal
Sonia Charlín traballando como mariscadora a pé na Pobra do Caramiñal | Fonte: GC

"NA POBRA O 80 % DAS MARISCADORAS ESTÁN DE BAIXA POR ENFERMIDADE E EU TEÑO QUE RASTREXAR DE XEONLLOS PORQUE XA TEÑO TRES HERNIAS"

Ademais, aínda que o oficio poida verse moi bonito dende fóra, cando fai bo tempo e as condicións son boas, o certo é que mesmo os días de temporal hai que baixar á praia. "Se hai moito temporal nos vimos igual e intentamos traballar, aínda que se vemos logo que non somos quen de facer moito marchemos", apunta a mariscadora. Pero xa non só os días de temporal, con choiva, vento e frío son o problema, senón que tamén o son os días de moito sol e calor. "Co sol moitas veces tamén sufrimos, porque nos achicharramos", explica Sonia, que resalta que "realmente sempre botamos protección, pero aínda sendo verán, a maioría seguimos baixando a traballar co chuvasqueiro, para protexernos, o cal implica pasar moito calor en días nos que peta moito o sol". Así, mentres moita xente aproveita o verán para ir á praia, Sonia e as súas compañeiras sufren baixo o sol para poder conseguir o marisco do que logo tanto presumimos os galegos. Por estas duras condicións asegura que, "co paso do tempo, moita xente adoita coller alerxias ao sol e enfermidades da pel".

A estas consecuencias do traballo habería que sumar tamén as enfermidades profesionais (aínda que moitas veces non catalogadas como tal) derivadas das posturas. Ao rastrexar á area hai que pasar gran parte do tempo abaixado, algo que, chegadas certas idades, acaba pasando factura. No caso de Sonia, conta que "eu teño que rastrexar de xeonllos porque teño tres hernias que xa non me permiten facelo de pé, ao que se suman problemas nas lumbares". E é que, ao final, "pasamos todo o tempo facendo o mesmo xesto e, aínda que o raño pequeno non pesa moito, o rastro pode chegar a uns 3 ou 4 quilos, dependendo do seu tamaño", o que implica ter que facer moita forza para levantalo cada vez que se quere sacar a ameixa dunha zona. Así, os movementos repetitivos e os grandes esforzos rematan dando lugar a enfermidades que, en moitas ocasións, xa sexan catalogadas como profesionais ou non, rematan en baixas laborais. "Actualmente na Pobra o 80 % das mariscadoras a pé están de baixa", destaca Sonia, que lembra que "este é un sector no que a maioría da xente ten máis de 50 anos".

"ESTE MES TEMOS O TOPE EN 4 QUILOS DE XAPÓNICA E MEDIO DE AMEIXA FINA, POUQUÍSIMO, PORQUE TIVEMOS MESES DE 10 QUILOS DE XAPÓNICA E 2 DE FINA"

Por outra banda, confesa que, a día de hoxe, o marisqueo a pé non resulta un sector atractivo para ninguén, e, moito menos, para as novas xeracións. Os motivos son varios e sumativos. Por unha banda, Sonia conta que "as cotas reducíronse moito". "Todos os anos se fai unha mostraxe da zona e, dependendo do marisco que se vexa que hai, ponse un tope ou outro, de maneira que se hai grandes cantidades, póñense grandes topes, pero como agora non hai moito, os topes son baixos", explica. Máis en concreto, no caso do marisqueo na Pobra, "este mes temos os topes fixados en 4 quilos de ameixa xapónica e medio quilo de ameixa fina, o cal é pouquísimo, porque temos tido meses de 10 ou 15 quilos de xapónica e alo menos 1 ou 2 quilos de fina", lamenta. O problema principal agora é que "a cría que hai non medra, polo que non chega a dar o talle comercial", explica mentres mide unhas cantas ameixas, das cales ten que descartar a maioría. "Mesmo as ameixas que si dán o talle comercial son moito máis pequenas que antes", comenta, o cal deriva tamén en prezos menores á hora da súa venda.

Para poder vivir e sacar un salario digno co que poder capear un temporal que semella que non vai finalizar cedo, as mariscadoras da Pobra tamén se desprazan algúns días ata o veciño concello de Ribeira, porque "Corrubedo é unha zona de libre marisqueo, á que poden ir todas as confrarías, e como aquí temos cotas baixas, se vemos que hai marisco alí, imos tirando como podemos". Pero a cousa non está doada e tanto Sonia como outras compañeiras mariscadoras tiveron que optar xa por buscar un segundo traballo para poder sobrevivir. "Todas somos autónomas e, como mínimo, cada mes de gastos fixos xa temos que pagar 260 euros, entre a cuota de autónomos e a Seguridade Social", sinala. Mentres que un día normal "gañaremos arredor dos 50 euros, se os sacamos", o que supón que "se só podemos traballar 10 días ao mes, non nos dá marxe para pagar os gastos e sobrevivir, entre o que temos que adicar tamén ao combustible para os desprazamentos, o material e o propio esforzo".

"HABERÁ 7 ANOS ERAMOS QUEN DE GAÑAR UNS 200 EURO AO DÍA E ESTE ERA UN SECTOR QUE DABA PARA VIVIR BEN, PERO AGORA A COUSA EMPEORA ANO A ANO"

Tal e como están as cousas, para Sonia e as súas compañeiras é unha mágoa ter que dicir que o sector do marisqueo corre un grave risco de desaparecer. "Non fai tanto tempo que as cousas estaban ben, haberá uns 7 anos eramos quen de gañar uns 200 euros ao día, era un sector que daba para vivir ben, pero agora todo foi costa abaixo e non remontamos, ano tras ano as cousas empeoran", lamenta. E considera que é en parte por iso que "a xente nova xa non se interesa por sumarse a este oficio, porque obviamente cando nos preguntan como estamos e lle contamos a nosa historia xa non o ven atractivo, e con razón". Ademais, tamén apunta a que "este é un traballo máis duro do que parece e que che ten que gustar, porque aquí chegou moita xente que acabou abandonando ao ver as duras condicións e o beneficio que se sacaba despois de tanto esforzo", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta