A Deputación de Pontevedra rexeita unha moción do PSOE pedindo responsabilidades por excluír Vigo do Mundial

Segundo manifestou Gorka Gómez, "o partido popular dedicouse a atacar a candidatura de Vigo e converteuse no principal defensor dun destacado militante do seu partido, o señor Louzán"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2025 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra celebrou este mércores un pleno extraordinario, solicitado polo grupo provincial do Partido Socialista, para debater unha moción que esixía responsabilidades pola exclusión de Vigo como sede do Mundial de Fútbol 2030.

A sesión plenaria durou 30 minutos e nela o Partido Popular fixo valer a súa maioría absoluta na Corporación para rexeitar a moción iniciativa. Previamente, os populares presentaran unha emenda de substitución --que foi rexeitada-- porque entendían que "a moción do PSOE é destrutiva, non construtiva".

Segundo explicou o deputado socialista Gorka Gómez, a solicitude do pleno extraordinario respondeu á "cacicada perpetrada polo PP no pleno de marzo", segundo a cal se "vetou a posibilidade de debater unha moción urxente sobre a vergoñosa exclusión de Vigo".

Na súa moción deste mércores, os socialistas instaban á administración provincial a esixir a restitución do estadio de Balaídos como sede e a que reclame explicacións ao presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Rafael Louzán, que foi presidente desta mesma Deputación de Pontevedra co PP.

Así mesmo, a moción demandaba á Deputación que esixise ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que demandase as puntuacións de todas as cidades candidatas.

Nesta iniciativa, o grupo do PSdeG tamén solicitaba que a Deputación de Pontevedra reclamase a dimisión do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, como "cómplice deste atropelo", e pedía que se reprobasen "as lamentables declaracións da presidenta do PP de Vigo" e vicepresidenta do goberno provincial, Luisa Sánchez.

Segundo manifestou Gorka Gómez, "o partido popular dedicouse a atacar a candidatura de Vigo e converteuse no principal defensor dun destacado militante do seu partido, o señor Louzán".

A vicepresidenta Luisa Sánchez censurou a moción presentada polo Partido Socialista porque "só busca atacar á Xunta, á RFEF e a min", mentres que "a candidatura de Vigo preocúpalles cero".

Pola súa banda, a portavoz do grupo do BNG, María Manuela Rodríguez Pumar, criticou a "falta de elegancia" do PP no último pleno da Deputación por negarse a debater en primeiro lugar a moción presentada polos socialistas sobre Balaídos e igualmente reprochou ao PSdeG forzar a convocatoria desta sesión plenaria extraordinaria para ter o seu "minuto de gloria" e cobrarse un "desquite" xerando un "gasto totalmente innecesario" ás arcas públicas.

Rodríguez Pumar xustificou a abstención da formación nacionalista lembrando que este tema xa foi debatido no pleno municipal de Vigo e valorou como "penoso" que teña lugar esta "guerra partidista", que "máis que aclarar as presuntas irregularidades" só provoca "ruído" por "intereses de parte".

Celebración do pleno ordinario da Deputación de Pontevedra deste venres. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Celebración do pleno ordinario da Deputación de Pontevedra deste venres. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Non sei se lle preguntaron a alguén se Vigo quere celebrar catro partidos do Mundial 2030 ? Según datos do propio alcalde a broma do mundial sairía por 67 millóns ademáis dos outros 60 millóns (que leva gastados ao longo de 15 anos sen que rematara a faeana) E agora pensa gastar outros 67 millóns en 5 anos ? (Os milagres do alcalde) // ¿Canto custa unha entrada para ver un partido do Mundial? (500 - 1000 €) ¿Cantos vigueses van ver o Mundial pola TV? ¡Cantos vigueses queren seguir gastando en idioteces!

1 Gamela

Nunca se queda aos Plenos pero cando algo lle interesa mirade como fala sen límite de tempo e con tanto entusiasmo que mete medo... Así levamos 18 anos en Vigo https://www.youtube.com/live/Eg2Z-1... Ogallá tivese tanto entusiasmo para falar de vivendas públicas en alugueiro tasado (nin unha), ogallá tivese tanto afán en mellorar as liñas de transporte público Vitrasa que van sair a concurso público polo doble do prezo actual (45 millón cada ano) Pero o entusiasmo seica é polo Mundial en Vigo ? Populista do Carallo !