A Xunta reitera a súa petición ao Goberno para que asuma o dano ambiental e os custos xerados polos pellets

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2025 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, remitiu unha carta á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, na que reitera a solicitude de información sobre a reclamación polo dano ambiental e os custos xerados pola chegada de pellets á costa galega.

Durante o primeiro trimestre de 2024, miles de pellets chegaron ás praias galegas procedentes da perda dun colector que o buque mercante Toconao perdeu en decembro de 2023 fronte á costa de Portugal.

Na misiva, o Goberno galego reclama datos sobre a apertura dun procedemento de esixencia de responsabilidade ambiental, que solicitara xa formalmente en xaneiro de 2024, en virtude do cal o Executivo central debería identificar os responsables do suceso, a avaliación dos danos ambientais, a definición das medidas de prevención e reparación, así como a repercusión dos custos das medidas adoptadas polas autoridades autonómicas e locais.

Apuntan que o operativo que puxo en marcha a Xunta e que se despregou en máis de 630 praias de 66 concellos costeiros, tivo un custo estimado para o Goberno autonómico de máis de 2,3 millóns de euros. "Un desembolso económico que non ten que ser asumido polos galegos, senón polos responsables dos danos causados", afirman. Por iso, continúan, a Xunta esixe de novo ao Executivo central que inicie o devandito procedemento.

Avanzan ademais que, de manterse o silencio do Ministerio, a Administración galega presentará un recurso de alzada como paso previo á interposición dunha demanda ante a xurisdición contencioso- administrativa.

Arquivo - Limpeza e recollida de pellets, na praia de Patos, a 15 de xaneiro de 2024.. Adrián Irago - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Limpeza e recollida de pellets, na praia de Patos, a 15 de xaneiro de 2024.. Adrián Irago - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta