Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/04/2025 | Actualizada ás 16:00
O portavoz do BNG de Administración Local, Óscar Insua, acusa o Goberno do PP de facer caixa a costa dos concellos, aos que non ingresou máis de noventa millóns de euros da cantidade que estaba prevista de fondos condicionados, segundo se pon de manifesto no informe da Conta Xeral das Entidades Locais correspondente a 2023 que acaba de publicar o Consello de Contas.
“Ao Goberno do Partido Popular éncheselle a boca falando de financiación local e facendo propaganda dun suposto incremento das partidas para os concellos que, na práctica, non é tal”, denunciou o deputado nacionalista en alusión aos máis de 90 millóns de euros que, aínda sendo presupostados, a Xunta “gardou nos seus petos”. O máis grave —agregou— é que isto se se faga nun momento no que as contas de moitos concellos están ao límite.
“É unha vergoña porque o PP sabe que as entidades locais están pasando por unha mala situación debido ao infrafinanciamento que padecen para costear os servizos que ofrecen, sobre todo os servizos sociais”, afirmou, acusando o PP de utilizar os cartos para “facer propaganda”.
O propio Consello de Contas advirte no seu informe que 155 entidades locais presentan saldo negativo, por operacións non financeiras, e que 147 incumpren cos criterios de estabilidade orzamentaria. En total, 23 concellos (A Cañiza, A Gudiña, Arbo, Baralla, Calvos de Randín, Cambados, Carballedo, Catoira, Cospeito, Crecente, Fene, Larouco, Lugo, Maceda, Meis, Melón, Mondariz, Pol, Ponte Caldelas, Porqueira, Riós, Salceda de Caselas, Taboada), e dúas entidades locais menores (Queimadelos e Vilasobroso) encóntranse nunha situación financeira comprometida ao presentar cifras negativas tanto do remanente de tesourería como do aforro neto do exercicio, o que pode afectar á sustentabilidade dos seus gastos correntes, destaca o deputado nacionalista en base ao informe de Contas.
DEMANDAS
O deputado nacionalista vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para, entre outras cuestións, reclamar á Xunta que incorpore no Fondo Base de Cooperación Local dos orzamentos de 2025 os máis de 91 millóns “birlados” aos concellos en 2023, o que axudaría a que moitos deles puidesen afrontar mellor servizos como o de axuda no fogar, a atención ás persoas dependentes ou as escolas infantís.
Tamén demanda á Xunta modificar os réximes de convocatoria e transferencia de fondos aos concellos para axilizar a entrada de financiamento anual, en particular o que se está a conceder a través de axudas e convenios, integrando ditos importes nos libramentos a cargo do Fondo de Cooperación Local.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.