Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2025 | Actualizada ás 13:42
Propostas "útiles", "necesarias" e que "realmente" importan aos cidadáns. Nacionalistas e socialistas coinciden no fondo das propostas que esta semana levarán ao debate do Estado do País, o primeiro desta lexislatura. Entre elas, iniciativas de acceso á vivenda, redución do aluguer ou medidas para facer fronte aos aranceis de Trump.
“O BNG vai ao debate con ánimo construtivo, poñendo no centro os problemas que preocupan á cidadanía e que afectan de cheo nas súas vidas, fronte a un goberno de Rueda que traballa para as empresas amigas do PP e grandes multinacionais”, asegurou este domingo a líder nacionalista, Ana Pontón, durante a súa visita á Feira do Viño de Quiroga. Alí, debullou as propostas do BNG en materia de vivenda, a principal preocupación hoxe en día da cidadanía e que, malia ser un dereito fundamental, “é misión imposible para miles de persoas”, especialmente para a mocidade pero tamén para as familias con menos recursos.
A alternativa que o BNG presentará no Debate do Estado da Nación céntrase en dúas cuestións fundamentais, segundo avanzou Pontón. A primeira, un plan para a creación dun verdadeiro parque público de vivenda, que incorpore 12.000 novos pisos, até acadar os 16.000 en dúas lexislaturas. E a segunda, unha estratexia para frear os prezos do mercado libre de vivenda. Máis polo miúdo, avogou por facilitar a declaración de zonas tensionadas e a mobilización efectiva de inmobles baleiros, tendo en conta que só nas grandes cidades do País existen 90.000 vivendas sen habitar.
Pontón criticou a política a golpe de titulares do PP, que non tomou “nin unha soa medida real para facilitar o acceso á vivenda”. Máis ben ao revés, as iniciativas de Rueda van “en dirección contraria”, destacou, lembrando neste sentido que o PP recortou un 50% o investimento en vivenda e cada ano deixou millóns de euros sen executar. Do Plan de Vivenda 2015-2020, que tiña por obxectivo acadar as 870 novas vivendas de promoción pública, tan só se construíron 40 en seis anos,exemplificou.
A líder do BNG aproveitou a visita á Feira do Viño de Quiroga para reclamar medidas a curto e medio prazo de apoio ao sector vitivinícola, que está a pasar, apuntou, “un momento complexo, pendente das turbulencias internacionais derivadas dos aranceis”. Reclamou así apoio técnico e financeiro, a través do Igape, para as empresas afectadas polos aranceis, recuperar as Mesas do Viño como vía de diálogo entre sector e administración, unha nova lei sobre a base do potencial vitivinícola do País, fomentar o arrendamento de superficie de cultivos de vide a través do Banco de Terras ou desenvolver unha estratexia de promociónn de zonas vitivinícolas e de enoturismo.
PSdeG
Por outra banda, a viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Elena Espinosa, anunciou que o PSdeG levará ao Debate sobre o Estado da Autonomía, que terá lugar este mércores, propostas "concretas, útiles e realistas" fronte á "ausencia de proxecto" da Xunta. Entre as propostas, destacou a creación dun Banco Público de Aluguer co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda, especialmente para os mozos, ou un plan de "reforzo urxente" da Atención Primaria para "garantir unha sanidade pública accesible e de calidade en todo o territorio".
Neste contexto, Espinosa reclamou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "aproveite" o Debate para "dar explicacións á cidadanía e fuxir da autocompracencia que o caracteriza". Así, denunciou que, tras un ano de goberno, "os problemas de fondo seguen sen resposta".
"Temos a sanidade pública nun dos seus peores momentos, o acceso á vivenda está bloqueado, o galego perde falantes, os concellos están a asumir e pagando funcións que lle corresponderían á Xunta e o apoio á industria practicamente desapareceu", lamentou a socialista. Ademais, o PSdeG lembrou nunha nota de prensa a recente crise dos aranceis do presidente estadounidense, Donald Trump, como exemplo da "falta de resposta real" do goberno galego. Con todo, Espinosa asegurou que, se non hai sorpresas, espera un debate "con máis do mesmo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.