Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/04/2025 | Actualizada ás 22:00
Con 29 anos, Andrea --máis coñecida como @songalega en Tik Tok, unha conta que acumula xa máis de 8.500 seguidores-- está desmontando, vídeo a vídeo, varios dos estereotipos que a miúdo se impoñen sobre os nosos mozos. Por unha banda, é unha rapaza neofalante que decidiu apostar polo galego como a súa lingua habitual cando comezou na universidade, un xesto persoal cargado de significado. Pola outra, ten feito da actualidade política e social o eixo da súa canle, nun contexto no que se repite coma se dun mantra se tratase que estes temas non interesan aos máis novos. Sen embargo, cada un dos seus vídeos acumula miles de visualizacións e xera debate, convidando a quen os ven a reflexionar sobre diversos asuntos. Andrea amosa que o compromiso, a lingua e a análise crítica tamén teñen o seu espazo (e o seu público) nas redes sociais.
Esta vilagarciá conta ao Galicia Confidencial que a súa andadura en Tik Tok comezou arredor do ano 2020. "A forma de entretemento e de conectar co resto do mundo que tiñamos todos durante aquel tempo, en plena pandemia, era a raíz das redes sociais e da produción de vídeos, algo que explotou nese momento nelas", lembra Andrea. Neste contexto, "Tik Tok aínda era unha rede relativamente nova e non tan coñecida como o é agora en España", polo que "decidinme a probar". "O algoritmo portouse ben cos meus vídeos", chancea, asegurando que "á xente comezou a gustarlle o meu contido", o que supuxo unha motivación para ela para seguir creando. Se ben confesa que "tampouco tiven nunca un ritmo de subida de vídeos moi constante, porque ao final entre estudos e traballo non daba para máis". Ademais, afirma que para ela as ideas partían da actualidade, de "cando lía un titular ou cando vía unha noticia, especialmente se tiña tinte político e causaba en min unha reacción inmediata".
E é que ese interese polo mundo político non é algo que lle veña da nada a Andrea. "Eu estudo Ciencias Políticas e gústame estar informada da actualidade", conta. Deste xeito, os seus vídeos teñen detrás un traballo de recompilación de información e de análise crítica moi evidente, pois, como ela mesma di, "non me gusta botar por fóra sen que os meus argumentos teñan algún tipo de solidez". Así, asegura que "antes de facer os meus vídeos, póñome a revisar toda a información que podo, buscando na hemeroteca e mesmo na bibliografía, facendo unha revisión exhaustiva do que se sabe sobre o tema que vou defender para poder ter clara a miña postura". Agora ben, isto que pode semellar ser lóxico, non resulta para nada doado, pois "require dunha busca de datos e información que vaia acompañada dun certo rigor". Ademais, tamén engade un ton retranqueiro que fai o resultado final moi resultón e facilmente dixerible mesmo para aqueles que non están moi interesados no tema en cuestión. "O do humor é tamén por unha cuestión de supervivencia na rede, porque ao final todos precisamos que a comedia nos salve a vida", sinala, asegurando que "desta maneira a xente pode conectar un pouco máis co meu contido".
"ISO DE QUE AOS MOZOS NON LLES INTERESA O QUE PASA NO MUNDO CREO QUE É UN MANTRA COMÚN A TODAS AS XERACIÓNS, PERO NON É CERTO"
Por poñer un exemplo do tipo de contido que crea Andrea, nos días previos á manifestación contra Altri que se ía celebrar en Palas de Rei, empregou a súa canle de Tik Tok para animar á xente a acudir a ela. "Para facelo, tirei de certos datos ou información manexada con rigor que me permitise comentar á xente os motivos que había para protestar por este proxecto", explica. Outros exemplos van dende o debate nun dos seus vídeos sobre a readmisión de Luciano Méndez, un profesor da USC expulsado tras ter feito comentarios machistas sobre o escote dunha alumna; ou a súa opinión sobre o caso de dúas rapazas dunha residencia universitaria galega ás que botaron por convidar ás súas parellas á habitación. "Cando fago este tipo de vídeos vexo que moita xente nova se interesa por eles e comenta a súa opinión", asegura Andrea, que considera que "iso de que aos mozos non lles interesa o que pasa no mundo creo que é un mantra común a todas as xeracións, porque penso que na época dos meus pais ou dos meus avós tamén se dicía o mesmo".
"Os mozos de hoxe en día non deixamos de sentirnos afectados polo que acontece ao noso redor, como o problema do acceso á vivenda, os baixos salarios que non nos permiten chegar a fin de mes ou a obriga de ter que estudar e traballar ao mesmo tempo para poder sobrevivir", expón Andrea. "Nun contexto así, é obvio que imos reaccionar, indignarnos e mobilizarnos", reivindica. E esa crispación que existe entre gran parte da xente nova é algo que tamén percibe nos seus vídeos, pois, "aínda que é certo que o meu contido ten un tinte moi político, realmente falo dos problemas do día a día que nos atravesan a moitos e moitas de maneira transversal e común, das miserias e desgrazas que nos unen como xeración, lanzando esa mensaxe de que debemos estar unidos para facer forza e responder con mobilización social", asevera. Estas mensaxes teñen moi bo 'feedback' por parte da comunidade que xa conseguiu crear @songalega, pero, como non podía ser doutro xeito no mundo das redes sociais, tamén hai algún que outro comentario negativo, ao que Andrea asegura non dárlle importancia e respostar "sempre dende o humor".
"EU VIVÍN EN BARCELONA E OXALÁ O GALEGO TIVESE A MESMA CONSIDERACIÓN LINGÜÍSTICA EN GALICIA QUE A QUE TEN O CATALÁN EN CATALUÑA"
Máis aló do 'hate' como tal, Andrea asegura que o que si nota é o "machismo" que aínda pervive en moitas persoas. "Ás veces recibo comentarios de homes cunha actitude paternalista que me din cousas como 'neniña, non te enteras'", conta, considerando que "o 'hate' que máis recibo vén polo feito de ser unha muller nova falando de temas polémicos". Aínda que tamén recibe comentarios negativos polo feito de crear contido en galego, un idioma que, ademais, non é a súa lingua materna, senón unha aposta decidida e tomada a conciencia por esta vilagarciá. Así, mentres moitos creadores de contido galegos, a pesar de ter o galego como lingua vehicular no seu día a día, pásanse ao castelán á hora de facer os seus vídeos, Andrea fixo o exercicio contrario. "Eu son canaria, pero filla de galegos que retornaron, e aprendín o galego moi tarde", confesa, pois asegura que "onde ela vive, no centro de Vilagarcía de Arousa, o galego non é un idioma que se escoite moito, por desgraza". Pero, ao chegar á universidade, apostou por aprender galego e, seguidamente, por incorporalo na súa vida cotiá.
Así, se ben é certo que "segue habendo espazos nos que convivo en castelán, porque hai persoas ao meu redor que sempre falan en castelán e cas que eu levo comunicándome nesa lingua toda a vida, emprego o galego sempre que podo e mesmo tentei galeguizar certos espazos nos que me movo". Algo que lle quere agradecer tamén ás súas amizades da universidade, que "me deron unha oportunidade moi boa de aprender o galego, porque elas tamén falaban en galego e era a lingua que empregabamos sempre para comunicarnos". E é que, lonxe de ser unha decisión persoal sen máis, para Andrea falar en galego ten unha maior trascendencia: "É tamén unha decisión política, porque o feito de dicir que eu fago contidos en galego ou de convivir en galego coa xente nova que coñezo, axúdame a crecer como persoa, pero axuda tamén ao propio idioma, nun momento no que isto é todo un reto, pois o castelán xa é a lingua máis falada de Galicia", reflexiona, asegurando que "eu quero aportar o meu graniño de area para que isto mude". "Eu vivín ano e medio en Barcelona e oxalá o galego tivese a mesma consideración lingüística en Galicia que a que ten o catalán en Cataluña, aínda que alá tamén teñan as súas reivindicacións ao respecto", reivindica.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Falece un condutor de 92 anos tras sufrir un infarto
- Falece Ramón Seijas, vicepresidente do Grupo Pérez Rumbao
- Unha nova fronte trae outra vez chuvia a Galicia este luns
- Centenarios en Galicia: buscando as claves desta milagre xenética
- Morre un home tras ser atropelado polo seu propio vehículo en Ribeira
- Caída de árbores e inundacións, o temporal deixa máis dun centenar de incidencias