O PSOE coruñés apoia o alcalde da Baña e denuncia o "asalto ao poder do PP"

Considera que a moción de censura "responde exclusivamente a ambicións e intereses persoais".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/12/2021 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

A agrupación provincial do PSOE na Coruña mostrou o seu apoio ao alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e considerou que a moción de censura presentada polo PP e Compromiso por Galicia "responde exclusivamente a ambicións e intereses persoais".

Andrés García Cardeso, PP da Baña.
Andrés García Cardeso, PP da Baña.

A agrupación pon en valor estes "dous anos de progreso" para esta localidade e denuncia o "oportunismo político" do PP e do exalcalde Andrés García Cardeso, "que lidera esta manobra de asalto ao poder que non respecta a decisión dos veciños, que votaron polo cambio nas últimas municipais".

Ademais, os socialistas lembran que o propio Concello da Baña levou recentemente ante a Fiscalía a García Cardeso por un suposto delito de falsidade documental pola concesión dunha licenza para celebrar eventos sobre a que pesaban informes en contra de Patrimonio.

A dirección provincial ademais critica que Compromiso, unha formación que presume de "galeguista, de esquerdas e progresista", que quería un cambio e á que se lle ofreceu desde un principio un pacto de goberno que "por motivos ocultos nunca aceptou", pretenda meter o Concello "no mesmo bucle de hai 24 anos".

Por último, a agrupación provincial destacou o "importante traballo" desenvolvido polo goberno municipal desde xuño de 2019 e mostra o seu convencemento de que "os veciños e veciñas falarán claro nas próximas municipais". En concreto, o pleno da moción celebrarase o próximo 14 de decembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta