Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/12/2021 | Actualizada ás 19:53
O concello ourensán de Castrelo de Miño rexistra desde a semana pasada unha contaminación de arsénico no abastecemento de auga que afecta a un terzo dos veciños. Trátase da terceira vez que que se producen incidencias na auga para o consumo humano e a segunda nos últimos catro meses. A última rexistrouse este verán debido á perda de parte da area que actúa como filtro do arsénico, unha situación que se volveu a repetir.
O pasado 23 de novembro o concello avisaba por medio dun bando de que a captación de Coto Novelle, onde está instalado o filtro do arsénico, volvía dar problemas derivados de defectos na instalación elevándose levemente por encima dos niveis sanitariamente establecidos.
A auga pasou a considerarse non apta para consumo, situación que afecta a veciños dun total de 11 parroquias para as cales se puxeron garrafas a disposición nas dependencias municipais.
O rexedor, Avelino Pazos, traslada que "se pasa moi pouco" a cantidade recomendable, pero insistiu en que "o primeiro é a saúde e por tanto enseguida informouse á poboación para que evitasen o consumo".
O alcalde advertiu da perda do 20% da area necesaria para o funcionamento do filtro e explicou que é unha empresa de Barcelona a que se encarga da reparación. "Unha empresa á que lle insistimos que o repare canto antes", remarca. "Apertar apertamos, que ao final quen o paga son os veciños", dixo o alcalde.
Os filtros foron cedidos pola Deputación Provincial en 2020 para evitar estes problemas que xa comezaron en xaneiro do mesmo ano, cando se foi reducindo a cantidade de arsénico permitida en consumo, aínda que se descoñecen as razóns do fallo. "Só sabemos que a empresa nos daba unha garantía mínima de dous anos e xa fallou tres veces en menos dese tempo", sinalou o rexedor.
Con todo, o rexedor municipal insiste en que este problema viña xa do "antigo grupo de goberno", que foi o que solicitou o amparo da Deputación Provincial para conseguir o filtro, cuxa montaxe valeu 48.000 euros.
Así pois, Pazos advirte que "o arsénico está aí" e que a solución definitiva "é o bombeo desde o Miño". Un proxecto que, asegura, "xa se vai licitar" porque xa se mantivo a primeira reunión e "hai o diñeiro da Conselleria de Infraestruturas para a primeira fase da obr,a que ascende a un millón de euros".
Ademais, o alcalde insiste en que é un fallo do filtro e "non de mantemento por parte do Concello", algo que cuestionan desde o grupo municipal do BNG, que considera que se debe a que "non se realiza unha revisión continua para que non se saturen".
Tamén desde o BNG piden achegar as garrafas ás parroquias, xa que moitos veciños "teñen dificultades para ir buscalas" porque "son maiores de 70 anos e algúns nin sequera dispoñen de vehículo propio".
Desde a alcaldía responden que "non hai absolutamente ningún problema" en canto aos desprazamentos, pero instou a comunicalo ao Concello para buscar unha solución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.