Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2021 | Actualizada ás 13:57
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, confía en que da Conferencia de Presidentes que anunciou o titular do Goberno central, Pedro Sánchez, para o mércores saian "criterios comúns" para todas as comunidades para loitar contra a pandemia. Nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, recollida por Europa Press, o 'número dous' do Executivo autonómico dixo que o ve "lóxico", dado que a incidencia é "parecida en todas as comunidades".
E é que ata o momento, tal e como criticou Rueda, o Goberno central mantivo unha "alerxia" a "complicarse a vida con calquera cousa da pandemia que lle supoña tomar algunha decisión". Isto levou ás comunidades a "depender do crierio de cada tribunal superior de xustiza". Con criterios comúns, engadiu Rueda, "probablemente todo sería moito máis fácil".
"PREOCUPACIÓN" EN GALICIA
Sobre a situacion epidemiolóxica de Galicia, o vicepresidente primeiro da Xunta recoñeceu unha "preocupación" ante a cifra de contaxios diaria rexistrada --van cinco días seguidos por encima dos 1.000--.
Con todo, Alfonso Rueda destacou que "nos últimos días parece que se está estabilizando" a incidencia. "Fainos ter certa esperanza de que estamos a chegar ao pico", agregou, aínda que prefire analizar os datos "con moitísima prudencia".
COMITÉ CLÍNICO ANTES DE NADAL
Para revisar estas cifras, o comité clínico que asesora á Consellería de Sanidade durante a pandemia volverase a reunir esta semana, antes do Nadal, para revisar as restricións e poder chegar a estas datas "con certa tranquilidade".
Este encontro dos expertos sanitarios servirá para avaliar se tomar "algunha decisión" para o Nadal "con esa visión máis de conxunto" dos datos covid. Con todo, Rueda aseverou que as que hai agora en vigor "teñen que ser cumpridas". "Sería unha boa noticia que coas restricións en vigor xa fora suficiente", engadiu o vicepresidente primeira.
RUEDA CHAMA "Á PRUDENCIA"
Iso si, a Xunta insiste na súa recomendación de que "na medida do posible" as reunións propias destas datas non superen as 10 persoas. É dicir, suxire "as mesmas normas" que están vixentes para a hostalaría. Todo iso co obxectivo de evitar unha escalada de contaxios tras o Nadal, como ocorreu a comezos de 2021. "Ese un risco, é unha posibilidade", recoñeceu Rueda, polo que fixo un chamamento "á prudencia".
Con respecto á hostalaría, cuestionado sobre se se modificarán as medidas de horarios e aforamentos en vigor, o tamén conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo dixo que lle gustaría "manter o que hai", o que "sería unha boa noticia". Con todo, Rueda si avanzou que "podería haber algunha" restrición adicional "para algunha noite moi concreta".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.