Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2022 | Actualizada ás 19:25
O Tribunal Superior de Xusticia de Galicia (TSXG) terá que pronunciarse de novo sobre o uso do certificado covid en toda a hostalaría e o toque de queda, entre as 3 e 6 da madrugada, que estará vixente ata o próximo 18 de xaneiro.
Farao despois de que a formación política Vox --que xa o fixo noutros puntos do Estado-- presentase, a través do seu presidente provincial en Pontevedra, Álvaro Díaz-Mella, un recurso contencioso-administrativo contra a Orde do 29 de decembro de 2021 da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia que establece "medidas específicas a consecuencia da situación epidemiolóxica derivada da covid-19 na Comunidade Autónoma".
Ademais, a formación política tamén pediu a suspensión cautelar das medidas adoptadas pola Xunta, que inclúen a obrigación de presentar o certificado de vacinación para entrar nos establecementos de hostalaría, lecer nocturno, centros hospitalarios --como acompañantes de pancientes ingresados--, eventos ou centros deportivos. Tamén se prohibiron as reunións de non convivientes entre as 3 e 6 da madrugada.
No recurso, exponse que a resolución "vulnera os dereitos fundamentais recoñecidos nos artigos 14, á igualdade; 18.1, á intimidade; e 19, á liberdade de circulación; da Constitución Española (CE), todos eles dereitos amparados a través do artigo 53.2".
RECURSO
Con respecto ao certificado covid-19, o recurso baséase en que a resolución impugnada "é arbitraria, desproporcionada e non supera o xuízo de proporcionalidade".
O escrito recolle que "a Orde ditada polo Goberno de Galicia diferencia entre dúas categorías de persoas no acceso aos dereitos fundamentais, en virtude dun criterio irrazonable e arbitrario".
En referencia ao toque de queda establecido polo Goberno galego, o recurso incide en que "vulnera o dereito de protección dos dereitos fundamentais das persoas" e lembra que "a libre circulación das persoas só pode ser suspendida con motivo da declaración do Estado de excepción ou sitio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.