O 'Calendario do Libro e da Lectura' de Galicia incorpora seis novas conmemoracións

Este ano contará cunha trintena de efemérides.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/01/2022 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

O 'Calendario do Libro e da Lectura' de Galicia incorpora seis novas conmemoracións en 2022, polo que este ano contará cunha trintena de efemérides. O secretario xeral de Cultura. Anxo M. Lorenzo, destacou a incorporación de datas como o 21 de xullo e o 21 de novembro, nas que se celebrarán os centenarios dos nacementos de Luz Pozo Garza e María Casares, respectivamente.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta o Calendario do Libro e da Lectura de Galicia 2022
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta o Calendario do Libro e da Lectura de Galicia 2022 | Fonte: Xoán Crespo - Xunta de Galicia.

A Xunta explicou que o obxectivo do Calendario é impulsar a realización de actividades ao redor das principais datas ligadas á literatura e os libros, así como facilitar a planificación anual de eventos culturais.

Durante a presentación do documento, este sábado na biblioteca Ánxel Casal, Lorenzo asegurou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xa prepara "unha ampla oferta de actividades" para celebrar estas dúas efemérides, así como a homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, a quen a Real Academia Galega (RAG) dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Así mesmo, o Goberno galego afirmou que leva meses traballando na conmemoración do Día das Artes Galegas, promovido pola RealAcademia Galega de Belas Artes (RAGBA) e que este ano se dedica a Laxeiro.

As restantes catro novas citas no calendario serán o 3 de maio, Día da liberdade de prensa; o 21 de maio, Día da diversidade cultural; o 28 de setembro, Día do dereito de acceso universal á información, e o 24 de outubro, no que se conmemorará a semana da alfabetización mediática e informacional.

"A incorporación destas datas dá boa conta do crecente papel das bibliotecas galegas como espazos nos que se accede a información en diferentes formatos e, moi especialmente, da súa implicación no achegamento da cidadanía aos medios de comunicación actuais", asegurou o secretario Xeral de Cultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta