Denuncian incumprimento do contrato de seguridade do centro de menores Avelino Montero, en Pontevedra

A Consellería de Política Social di estudar "con detemento" o servizo para aplicar "as medidas máis adecuadas".

Por E.P. | Pontevedra | 24/01/2022 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

A Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira (FTSP-USO) asegura que a empresa Mersant Vigilancia S.L. "incumpre o contrato" que ten coa Xunta para a vixilancia do centro de menores Avelino Montero, en Pontevedra.

Centro de menores Avelino Montero, en Pontevedra
Centro de menores Avelino Montero, en Pontevedra | Fonte: Google Maps.

O sindicato avanza que denunciou ante a Delegación do Goberno á compañía porque "está a deixar numerosos descubertos" nestas instalacións, dado que "en varias ocasións" só ten adscrita "a metade do persoal" á quenda de traballo.

"Isto significa que durante os horarios que esta empresa ten regulados por contrato, non se atopan os pertinentes vixiantes de seguridade prestando os servizos", engade FTSP-USO.

A isto suma o sindicato a "falta de pagamentos de salario" que sofren "todos os traballadores" de Mersant Vigilancia S.L. en "todo o territorio nacional", entre os que se atopan os do centro Avelino Montero; e o feito de que ten "unha débeda que rolda o tres millóns de euros" con Facenda.

Tras estas denuncias, a Consellería de Política Social asegura estar a estudar "con detemento a situación do servizo" que presta esta empresa en centros da súa competencia.

Así, o departamento dirixido por Fabiola García afirma que tomará "as medidas máis adecuadas que garantan a calidade do servizo e o cumprimento das súas obrigas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta