O sector do palangre de superficie denuncia perdas "millonarias" mentres sinala a "inacción" do Goberno

Hai 125 barcos galegos afectados, o 90% da frota europea, e comezan a presentarse demandas por dano patrimonial

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/02/2022 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

Representantes do palangre de superficie de Galicia --que representan o 85% da frota europea e o 90% da española-- claman contra a "inacción" e "descoordinación" do Goberno en relación co marraxo, o que provoca perdas "millonarias" ao sector.

Así o expuxeron en rolda de prensa conxunta en Santiago representantes das organizacións OPP-7 Burela, Opnapa, Opromar e Orpagu, así como da industria comercialiadora, a través de Anecteam. Denuncian que 125 barcos de Burela, Vigo, A Guarda e Marín están afectados o bloqueo administrativo para pescar esta especie, coas consecuentes perdas económicas. De media cada buque ten entre 20 e 25 empregados.

Sinalan que esta situación comeza en agosto de 2019 coa entrada do marraxo no Apéndice II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (Cites), o que esixe que as exportacións destas especies deben incluír os permisos que demostren que proveñen de pesqueiras sustentables. Así comeza o que describen como unha "odisea" para o sector.

O xerente da organización de OPP-7 Burela, Sergio López, explica que a partir de 2020 vívese unha situación "caótica" con toneladas de marraxo que non se poden vender por non ter autorización do Goberno, parte das cales mesmo se teñen que destruír, cunha falta de "coordinación" entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Ministerio de Pesca que imposibilitou comercializar capturas legais. Agora, o problema é que o Goberno nin sequera fixou as cotas para este 2022, aínda que sexa de forma provisional, o que impide pescar e provoca que haxa tirar ao mar as capturas de marraxo.

DENUNCIAS POR DANO PATRIMONIAL

Respecto diso, o xerente de Opnapa, Edelmiro Ulloa, sinalou que diferentes empresas afectadas presentaron demandas contra o Estado por dano patrimonial, e proseguirán ante a "descoordinación" no Goberno que lles impide faenar.

Esta situación provoca perdas que poden ascender a entre 70.000 euros e 150.000 euros por barco, en función do tamaño de cada buque. Ademais, remarca o agravio que supón que a frota española non poida capturar marraxo, mentres buques doutros países "pescan sen ningún problema".

A xerente da Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu), Juana Parada, remarca que "non é un problema biolóxico", senón "administrativo" por "descoñecemento" das autoridades españolas, xa que noutros países como Portugal permítese faenar con normalidade.

Tras "dous anos absurdos", agora súmase que en 2021 "houbo un cambio de competencias" polo cal Transición Ecolóxica pasa a ter as competencias para outorgar o certificado Cites para a pesca, pero "non ten persoal", están "a aterrar" e tampouco teñen "nin idea". "Sentimos como nun partido de tenis no que nós somos a pelota", quéixase, pois os pescadores "merecen un maior respecto".

Juana Parada considera "moi grave" que, con todo, o resto de frotas estean a faenar nos mesmos caladoiros no que non poden a frota galega. De feito, explica como eses buques foráneos descargan no porto de Vigo e poden comercializar as súas capturas.

O presidente de Opromar, Francisco Teijeira, deixa claro o impacto ecónomico que supón este bloqueo, a pesar de que non se trata de "un problema biolóxico", á vez que lamenta que lles traten "case como piratas". Igualmente, o presidente de Anecteam, Emilio Martín, destacou que "calquera ataque á frota é un ataque á industria". "O único que lle pedimos aos políticos é que fagan o seu traballo dunha vez", afirma.

O representante da industria comercializadora avisa de que esta situación supón perder un "nicho de mercado" do que se van a aproveitar os países asiáticos, con "frotas menos respectuosas" cos recursos.

Rolda de prensa do sector do palangre sobre o marraxo
Rolda de prensa do sector do palangre sobre o marraxo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta