A falta de solución para a "crise do marraxo" demostra a "incapacidade" do Goberno, segundo o BNG

O BNG, que lembra que a frota galega de palangre representa o 85% da europea, insta a alcanzar unha solución para o sector fronte á "incerteza" causada por esta "diferenza de criterio e falta de coordinación".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2022 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

O BNG denunciou a "incapacidade" do Goberno central para solucionar a "crise do marraxo". "A diferenza de criterio e descoordinación entre o Ministerio de Agricultura e Pesca e o de Transición Ecolóxica provoca unha situación insustentable para a frota galega de palangre de superficie desde hai dous anos", sinala a formación.

Así o expresa nun comunicado remitido aos medios, no que informa de que a portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda; e as deputadas da Comisión de Pesca da formación nacionalista no Parlamento Galego, Rosana Pérez e Carmela González, reuníronse coa Asociación de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) e Espadeiros Guardeses.

O BNG, que lembra que a frota galega de palangre representa o 85% da europea, insta a alcanzar unha solución para o sector fronte á "incerteza" causada por esta "diferenza de criterio e falta de coordinación" que considera que "non pode pagala un sector que aglutina 125 barcos en Galicia" e que "conta cun total compromiso coa sustentabilidade".

Para as nacionalistas, a única conclusión que se extrae desta "total falta de xestión e de sensibilidade" dun sector "fundamental" para Galicia é que "a Madrid non lle importa a pesca galega e que mesmo hai plan para a destrución do sector".

Así, o BNG lembra que actualmente xa non existe a posibilidade de pescar esta especie e que a situación afecta tamén as partidas que se atopan nos almacéns frigoríficos á espera dunha solución definitiva, que chega ás 90 toneladas do 2020.

Ademais, sinalan que o sector tivo que "destruír miles de quilos de marraxo" a pesar de "ser pescados legalmente". "Non é cuestión de descoñecemento da situación, é falta de vontade política para solucionala", sinalan.

Poxa de marraxos na lonxa de Vigo
Poxa de marraxos na lonxa de Vigo | Fonte: José Antonio Gil Martínez en Flickr.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta