Por Europa Press / Redacción | MADRID | 18/02/2022 | Actualizada ás 10:17
"A partir do domingo". É o posible horizonte no que as familias dos tres sobreviventes da 'Villa de Pitanxo' poderían reencontrarse cos seus seres queridos tras o naufraxio do pesqueiro en augas de Terranova se se cumpren os últimos prazos que, segundo trasladou este venres o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, manexa o Goberno central.
Feijóo participou nunha entrevista con 'esRadio' na que foi preguntado pola situación en Canadá tras o afundimento dun pesqueiro con porto base en Marín do que se localizaron tres tripulantes vivos, dos 24 que conformaban o equipo de traballo a bordo: o patrón do barco, Juan Padín, e o seu sobriño, Eduardo Rial Padín, así como o mozo ganés Samuel Kwesi, residente en Marín e cuxa muller e cinco fillos viven en África. Tamén se atoparon nove corpos sen vida e outros 12 permanecen desaparecidos.
Feijóo explicou que o último que trasladou o Executivo central á Xunta é que os dous barcos que trasladan aos sobreviventes e aos corpos sen vida recuperados están "a unhas horas" do porto de Saint Johns de Terranova. A previsión é que, con independencia de atrasos puntuais, poidan chegar ao longo deste vienres.
BUSCA DOS DESAPARECIDOS
O ministro de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, José Manuel Albares, indicou este venres que o Goberno canadense expresou a súa "vontade" de retomar a procura dos mariñeiros desaparecidos tras o naufraxio da 'Villa de Pitantxo' fronte ás costas de Terranova.
Albares falou o xoves pola noite coa súa homóloga canadense, Melanie Joly, e recibiu outras dúas mensaxes seus nas últimas horas. Segundo contou nunha entrevista en Onda Cero, recollida por Europa Press, trasladoulle a "vontade, en canto as condicións climáticas o permitan", de continuar "cos esforzos na medida do posible".
O ministro subliñou que a procura tivo que suspenderse polas condicións meteorolóxicas adversas, "con ondas de máis de 8 metros, visibilidade moi curta e temperaturas de 3 graos baixo cero que fan practicamente imposible continuar os labores de procura e que mesmo pon en risco a vida dos equipos de rescate".
INVESTIGACIÓN DO NAUFRAXIO
As autoridades canadenses aclararon que a Policía do país (a Royal Canadian Mounted Police --RCMP--) non ten xurisdición para investigar na área onde se produciu o naufraxio da 'Villa de Pitanxo', en augas NAFO a unhas 250 millas náuticas de Terranova. Así o trasladaron a Europa Press, subliñando que o afundimento se produciu en augas internacionais, polo que a investigación "estaría a cargo do país de rexistro da embarcación".
En todo caso, precisa que a Policía do país brindará apoio á oficina forense a través da súa unidade especializada para recibir ás vítimas do naufraxio no porto de St John's, axudar na identificación das vítimas e na repatriación dos corpos localizados sen vida, así como colaborar en calquera outro extremo que lle demande a oficina forense.
CONDOLENCIAS
Conclúen que a oficina forense está en contacto coas entidades correspondentes para organizar as canles de notificación e a repatriación dos corpos sen vida localizados.
Finalmente, a Policía canadense traslada as súas "profundas condolencias" aos achegados e familias das vítimas do naufraxio do pesqueiro cuxa tripulación estaba conformada por 24 mariñeiros. Tres foron localizados vivos e outros nove falecidos, mentres un total de 12 seguen desaparecidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.