Por Juan Carlos Piñeiro | Burela | 20/02/2022
Mágoa que a firma fose de forma bipartita entre sindicatos e goberno, coido que a patronal española neste senso toma unha posición política, cómpre lembrar que a propia patronal firma en 2018 o “acordo nacional de negociación colectiva” que sitúa os 1.000 euros como obxectivo da negociación colectiva, entón este acordo debería estar na súa liña.
Nesta negociación sempre atopamos dúas posicións dogmáticas, aos sindicatos reclamando máis e a patronal manifestando que non é o momento. É función do goberno, xa que logo, arbitrar o entendemento, e neste caso a Ministra de Traballo non acertou. Era a sinatura da patronal necesaria como aposta da reforma laboral, porén Yolanda Díaz sabe que a foto beneficia á súa carreira política e non deixou pasar a ocasión.
A min neste senso preocúpame a situación na que fica a propia negociación colectiva trala subida a 1.000 euros do salario mínimo. Prodúcese un golpe colateral á negociación colectiva difícil de xestionar. Un convenio colectivo regula os salarios certo e tamén a capacidade profesional, a responsabilidade, as actitudes e a competitividade. O novo acordo pon en solfa a competitividade e a capacidade da negociación colectiva para o recoñecemento da capacidade profesional de cada categoría. Teñen os axentes sociais un traballo moi duro estes meses: engadir ese porcentaxe ás categorías dos convenios. É unha cuestión fácil de entender con un exemplo: un condutor de autobús é un traballo especializado con formación e que convela reciclaxe e hábitos de saúde. Na provincia de Lugo o convenio recoñece un salario de 1.200 euros, agora un acompañante, tamén necesario pero menos especializado, vai cobrar 1.000 euros. A capacitación non é a mesma nin a responsabilidade o que produce unha tensión clara na negociación colectiva.
Ten que ser agora a negociación colectiva, sindicatos e empresa, a que arranxe esta situación, non por xustiza, senón que por necesidade de premiar a formación e a competitividade e acreditar nunha estrutura de salarios que é tradicional e baseada en categorías profesionais.