Moito levo escoitado dos produtos e utensilios suficientes para cando chegue a guerra. De primeiras dinlle unha volta a proposta que nos fixeron desde a Europa Comunitaria e que en cada Estado está a falarse ou publicitarse dun xeito, ao meu parecer, ben vergoñento. De súpeto díxenme, como debe estar a "cabeciña" da xente que decide sobre destas cousas e logo de botar para fóra o meu pequeno "cabreo", rosmei polo baixo,... miña madriña en que mans estamos..
Teñen unha facilidade noxenta para pasar en moi pouco tempo de dar leccións polo mundo adiante do noso sistema democrático e dos valores compartidos neste Occidente soñado á guerra. Algúns, cando menos, decatármonos que o construído e tan feble e inxenuo como fraudulento. Agardo sempre que, logo destas parvadas o noso grupo vaia medrando (os/as do non a esta maneira falsaria e rapiñenta de facer política).
A estratexia que están a impoñer os EEUU responde a un feito que se adoita a non valorar axeitadamente: o American way of life e, por extensión o modo de vida das poboacións do vello centro do capitalismo mundial, está asentado nun modo de produción que é imperialista, tanto pola súa orixe ideolóxica como polas necesidades derivadas para termar da posición hexemónica que acadaron no Mundo mundial. Trump e os seus queren acelerar o proceso e mover os marcos de amigos e veciños sen importarlle nada o que se fale ou deixe falar.
O capitalismo debe o seu desenvolvemento histórico á explotación das súas colonias e os que participan deste convite de acumulación, fixeron o mesmo no seu ameto territorial; sen dita colonización nin a civilización occidental nin o seu paradigma de progreso e liberdades probablemente existirían.
A vida cotiá nas sociedades industriais capitalistas descansa nunhas condicións sociais e naturais que poucas veces explicitamos no referente á nova redefinición das relacións sociais e os intercambios comerciais como medio para apropiación e explotación da forza do traballo humano e dos recursos naturais, de maneira que é un sistema que baseou o seu desenvolvemento histórico nunha dobre depredación precisa diferentes estruturas xerárquicas. Todo o que parecía un xardín é unha lameira. A Europa Comunitaria é unha mais delas.
A división de traballo no marco dun sistema de produción mundial integrado, o extractivismo ou o gasto crecente no aparello militar e de seguridade son necesidades lóxicas que van xurdindo e son compoñentes fundamentais desta estratexia de defensa do modo de vida imperial, non exenta de contradicións. E logo que agardabades? Un paraíso terrenal de balde só con custes para os demais?
O acceso a unha man de obra barata en actividades manufactureiras deslocalizadas das “grandes factorías mundiais” agudiza as tensións sociais internas nos vellos centros industriais, mentres que a apropiación das fontes de subministración dos recursos minerais e enerxéticos en África, América Latina e mesmo en territorio europeo está a provocar moitos conflitos con tendencia a incrementarse de xeito progresivo. A consecuencia desta maneira de facer, ademais da extracción sen limites de sustentabilidade, dun certo equilibrio ecolóxico, e da expulsión de moitas poboacións, conleva moitas outras, como a perda de postos de traballo sen máis ou agachadas tras de eufemismos como as "transicións xustas", as novas "industrializacións" ou a famosa "competitividade".
Os efectos do cambio climático rematan presionando, máis cedo que tarde, as fronteiras das países onde van parar os produtos elaborados a partires daqueles recursos explotados. Queren so producción rapiñenta, non a xente que ven cara o interior do seu territorio.
Europa é un Continente cuns marcos xeográficos concretos. A Unión Europea foi, é, un invento deste conglomerado de intereses explicitado con anterioridade. Mais que defender a liberdade e outros valores disque compartidos, demostrou no seu camiñar que a cobiza e o abuso do poder, están moi por riba de calquera outra consideración ética, na administración dos territorios baixo o seu dominio. A que vén escandalizarse agora por quen fai o mesmo que vós aínda que sexa máis temerario ou tan mentireiro pero con outra teatralidade?
Algúns dos que adicamos algo do noso tempo a ler un pouco da historia coñecemos o famoso adaxio de Clausewitz : "a guerra é a continuación da política por outros medios". Con estas verbas, o prusiano quería dicir que a guerra sempre tiña en orixe unha forte dependencia do facer da política e, en consecuencia, estaba sometida a certos límites e logo cando os contendentes xa se metian de cheo no belicismo tanto agredidos como agresores, desenvolvían a lóxica da confrontación. Clausewitz pensaba que a guerra moderna é un «acto político», e esta manifestación poñía en xogo o que el consideraba o único elemento racional da guerra. Na súa concepción, os outros dous elementos da guerra son: a) o odio, a inimizade e a violencia primitiva, e b) o xogo do azar e as probabilidades.
Hai outros autores que non compartiron nin comparten a totalidade das teses de Clausewitz, tan lido nas escolas militares e políticas deste Occidente. Denantes de falar de guerra e mesmo guerrear, algúns sempre desexamos exercer libremente a nosa soberanía nacional como pobo galego, erguido sobre un desexo de paz e convivencia cos demais pobos do Mundo.
Non quixera rematar o artigo sen esquecerme de quen está a comercializar unidades do famoso "Kit" en distintos formatos e dos "decididores" desta carallada como preparativo para a guerra. Relanzar o consumo e así axudar á economía é unha mala coartada dun sistema con tantos furados que precisa do medo como recurso para que a xente terme de tanta frustracion. A guerra para que sexa unha realidade sempre vai precisar de colaboración, seguidismo cego as decisións dos "decidores" e inimigo. Como eu non teño disposición a facer ningún destes papeis, permitide unha licencia, sabedes que,... ide a tomar polo kit.