Vou de camiño, pasiño a pasiño cara a praia de Vilela no Concello de Mañón, para darme un baño sanador neste Outono de follas mortas e cun tempo doutro tempo. Logo da despedida do "turisteo invasor" o desfrute do noso paraíso certo e non prometido é un acontecemento co seu valor que non debería agardar por alguén que decida poñerlle prezo e poñelo a venta en calquera dos mercados existentes.
As feiras que aínda terman, queren manter en parte, a tradición dun intercambio dos excedentes da produción propia a prezos máis xustos pero, no mellor dos casos, fican case todas elas, deturpadas pola necesidade de facer negocio con todo ou como pezas de museo para lembrar un "anaco" do pasado cun revisionismo con pouco análise e moitas trapalladas.
Desfruto deste cachiño de tempo por se acaso mañá ou dentro de pouco tempo non fose posible. Todos as boas películas teñen unha música recoñecible formando parte do todo. A miña escolla para esta andaina foi: "Bright Side Of The Road" de Van Morrison na que recunquei unhas cantas veces.
A vida é un camiño no que aprendes moito, tanto do bo como do contrario. A importancia do vivir son as posibilidades que ten dita viaxe para tirar proveito, de primeiras para nós e logo para os demais. Hoxe por hoxe, síntome un ser humano cunhas pingas de optimismo, unha caldeirada de pesimismo e na compaña dalgunhas lembranzas de amor, felicidade e compañeirismo. A dicotomía que fixen con anterioridade, está baseada no meu aprendizaxe vital, xa que os interesados en cambiar a situación da Nosa Terra e do Mundo á forza teñen que ser pesimistas porque os optimistas estarán máis o menos satisfeitos co que hai.
A canción 'Bright Side Of The Road' é unha invitación para mirar a vida con realismo e a compartir os momentos, tanto bos como malos, con alguén especial. A letra utiliza a metáfora de moverse 'do lado escuro do camiño á outra beira, para atopar, se acaso, algún brillo". Non é mais que unha simboloxía do cambio de perspectiva, dunha visión negativa a unha máis positiva e esperanzadora para poder seguir aturando a realidade e os relatos tan mentireiros que están a facerse.
Van Morrison, coñecido pola súa habilidade para fusionar elementos de folk, blues e jazz, utiliza un ton alegre e un ritmo contaxioso para transmitir unha mensaxe de renovación e redención. A repetición da frase 'We'll be lovers once again on the bright side of the road' reforza a idea de reencontro e reconciliación, suxerindo que, a pesar dos desafíos, é posible recuperar e celebrar o amor e a conexión.
A canción tamén aborda a fugacidade do tempo, como se reflicte na liña 'And estafe seems to go by xo fast, in the twinkling of an eye', onde reflicte a importancia de aproveitar o momento presente e gozar da vida mentres se pode, un tema recorrente en moitas das obras deste autor. A invitación a 'help me sing my song' non só pide apoio, senón que tamén celebra a alegría compartida que pode xurdir ao enfrontar xuntos os altibaixos da vida.
No laboratorio dos idearios as condicións obxectivas e subxectivas mesturan querendo ou sen querer. Queirámolo ou non, para facer caldo en Beijing, en Washington, en Palestina, Moscova, Madrid, na Habana ou en Compostela teremos que cocer e ben, o que botemos no pote. Dito doutra maneira, de prédicas está o Mundo cheo. Os exemplos para a xente do común están no facer de cada quen, non no que se fala ou se pon branco sobre negro nun papel ou nas redes.
O falar non ten cancelas por iso, moitas das veces o relato da realidade que está a facerse non está ben cocido e non é un bo caldo. Renego de calquera convite deste mal facer.