Naquela cita rexistrouse unha circunstancia que podía condicionar substancialmente o resultado das urnas: por primeira vez dende o ano 2009, o PPdG presentaba un candidato diferente á persoa que viña ocupando todo o espazo referencial dese partido ante o seu electorado. Alfonso Rueda non tiña o nivel de coñecemento social que moitos expertos consideraban necesario para asegurar o triunfo da súa candidatura, carecía dunha autoridade suficientemente contrastada no interior da propia organización e non exhibía especiais cualidades de liderado no exercicio do seu cargo.
Se Feijoo chegou sorprendentemente á presidencia da Xunta cun resultado moi axustado e se despois foi consolidando o seu dominio (nos anos 2012, 2016 e 2020) grazas ás eivas notábeis amosadas polas forzas da oposición, Rueda partía dun escenario mais incerto porque non tiña unha personalidade política que proporcionase mais ilusión ou maiores expectativas de acerto na xestión gobernamental. Xa que logo, BNG e PSdG atopábanse ante a mellor oportunidade dos últimos anos para acadar o desexado cambio na Administración galega.
Os resultados non confirmaron esa potencial oportunidade. A pesar de que a diferenza na porcentaxe de votos entre o PP e o sumatorio de nacionalistas e socialistas só foi de 2 puntos, o certo é que Rueda conseguiu renovar unha cómoda maioría parlamentaria. A radiografía dos resultados obtidos pola oposición permitiu certificar a grave crise que padece o PSdG cando se trata de buscar apoios para acadar o goberno galego (e non para tal ou cal corporación municipal) e o medre da fortaleza do BNG nas convocatorias á Cámara lexislativa do Hórreo. Velaí as dúas caras dunha realidade electoral -a debilidade socialista e a insuficiencia nacionalista- que permite a continuidade do dominio do PP das institucións de autogoberno e a conseguinte desmoralización de segmentos do electorado que veñen agardando, dende hai anos, unha mudanza en San Caetano.
Nestes últimos doce meses, Alfonso Rueda seguiu aplicando as mesmas políticas (nos eidos sanitario, educativo, atención á dependencia...) que conforman a rutina gobernamental da actual maioría parlamentaria. A diferenza de Feijoo, este presidente da Xunta non semella ter como obxectivo conseguir a xefatura estatal do seu partido. Xa que logo, sen esa interferencia, debería dedicar a máxima atención aos problemas específicos do Pais e facelo cunha maior capacidade de suscitar acordos amplos naqueles asuntos que provocan maior preocupación en segmentos significativos do corpo social galego.
Lamentabelmente, Rueda segue confundindo a lexitimidade da orixe do seu goberno (a maioría absoluta obtida nas urnas) coa lexitimidade que debería buscar no exercicio das súas potestades lexislativas e executivas. Singularmente, existen tres exemplos moi reveladores de semellante confusión: o proxecto de instalación de Altri na comarca da Ulloa, os datos demoledores proporcionados polo recente informe do IGE sobre a situación pola que atravesa o galego e a elaboración dunha nova lei reguladora dos medios de comunicación públicos cuxa aprobación está prevista nas vindeiras semanas. A transcendencia destas cuestións e a constatación de que os efectos prácticos derivados de semellantes iniciativas van mais alá da actual lexislatura, xustificarían unha actitude diferente por parte do PPdG, menos sectaria e mais integradora.
Como sempre que se acomete o balance dun determinado período da vida política hai que prestar atención, tamén, ao estado das forzas que están chamadas a protagonizar unha futura mudanza gobernamental. Neste terreo, non se pode ignorar a situación preocupante que presenta o PSdG. Non emite sinais convincentes de que teña asumido e corrixido as eivas mostradas nos comicios de 2020 e de 2024. Non é quen de formular un proxecto de transformación da sociedade galega que resulte críbel e que se visualice sustentado nunha adecuada renovación xeracional da súa estrutura dirixente. E por se iso non fora pouco, teñen agromado algúns episodios de división interna que poden facilitar o medre de indesexadas dinámicas autodestrutivas. Se o partido que encabeza Gómez Besteiro non é capaz de atopar un novo camiño que lle permita recuperar apoios electorais que fican desmobilizados ou que veñen alimentando as cifras do PPdG, non será viábel facer efectiva a alternativa ao goberno de Alfonso Rueda.