Ademais, o nacemento da CRTVG posibilitaba a existencia dunha ferramenta pública audiovisual que debería afortalar un espazo propio de comunicación ao servizo da pluralidade da sociedade galega. Naquela altura, o reto que debía acometer esta iniciativa (cun formato xurídico de sociedade pública e cun financiamento dependente dos Orzamentos da Comunidade Autónoma) tiña unha dupla dimensión: promover e/ou difundir as producións culturais en lingua galega e actuar cuns códigos de conduta afastados do control gobernamental partidista, na liña das mellores tradicións existentes no ámbito europeo (a BBC, singularmente).
Como é sabido, durante estas catro décadas, o PP só deixou de administrar o goberno da Xunta en dúas ocasións: no ano 1987, como consecuencia dunha moción de censura acordada polo PSdG, CG (onde se encadraba Xosé Luis Barreiro e outros dirixentes que abandonaron a disciplina do PP presidido por Albor) e PNG (conformado a partir da ruptura da propia Coalición Galega); e, posteriormente, no ano 2005, por mor da perda da maioría absoluta de Fraga e a formación dun goberno bipartito encabezado por Touriño e Quintana. A conclusión resulta, pois, pertinente: a responsabilidade principal do que ten acontecido coa CRTVG reside no partido que hoxe segue dirixindo as institucións do autogoberno galego. O Executivo do PSdG-BNG, á marxe das insuficiencias que se puideran sinalar a respecto da xestión neste eido, non tivo tempo para mudar totalmente as eivas e inercias herdadas de Fraga e de quen foi un dos seus brazos executores mais determinantes no control dos medios de comunicación (o conselleiro Pérez Varela).
Nas últimas semanas temos asistido a diversas xornadas de folga e mobilización promovidas polos representantes sindicais do persoal da radio e da televisión públicas. Reivindicaron o cumprimento de dúas premisas básicas nun ente destas características: o respecto innegociábel do pluralismo no seu funcionamento e o mantemento do seu carácter público, incompatíbel con prácticas privatizadoras na xestión dos recursos materiais e humanos. Ademais, un conxunto de organizacións sociais e cívicas están demandando un cambio nas reformas lexislativas que pretende desenvolver o PP, para evitar a consolidación e reforzamento do control gobernamental sobre estes medios públicos.
Estamos ante unha situación xa coñecida noutros momentos da nosa historia. Os sectores que defenden a existencia dun medios de comunicación públicos e plurais teñen a razón da súa parte pero non dispoñen da forza necesaria para acadar semellante obxectivo. Fundamentalmente, por dúas razóns: polo uso que ven facendo o PP da maioría absoluta que posúe no Parlamento galego e pola insuficiente acumulación e activación dos apoios en favor dun cambio substancial no rumbo que esta a seguir a CRTVG. Noutras palabras: o nivel de manipulación partidista que coñecemos dende hai anos nos medios públicos galegos non sería tolerado pola maioría do corpo social británico a respecto da BBC. Esta diferenza na calidade da cultura democrática vixente en cada caso explica, nunha boa medida, a discrecionalidade autoritaria coa que actúa o goberno de Rueda (e antes, o de Feijoo).