A devandita campaña desenvolveuse arredor de varios argumentos principais: a suposta inconstitucionalidade da iniciativa lexislativa presentada; o cambio rexistrado na posición política anterior de Pedro Sánchez para conseguir a súa investidura despois dos comicios do 23 de Xullo de 2023 e o carácter presuntamente "golpista" e "antidemocrático" das formacións independentistas catalás.
Naqueles meses tiveron lugar varias manifestacións en Madrid (coa participación de dirixentes do PP e de Vox) e un episodio que nunca tiveramos ocasión de presenciar (concentracións de xuíces e maxistrados nas portas dos tribunais para protestar contra unha lei que aínda se estaba debatendo no seo do poder lexislativo). A importancia do sucedido non admite dúbidas: os sectores conservadores forzaron até o limite as marxes da legalidade vixente para instalar o seu discurso deslexitimador dos resultados electorais do verán de 2023. Por se había algunha dúbida, a campaña contra a amnistía certificaba que o PP non mudara o diagnostico sobre a crise política vivida en Cataluña nos últimos dez anos e, xa que logo, seguía mantendo a súa liña de conduta programática (ningunha revisión da folla de ruta aplicada durante o goberno de M. Rajoy e máxima belixerancia contra as propostas dos partidos independentistas). Naqueles días de furia nas rúas de Madrid, había unha consigna de éxito asegurado: "Puigdemont a prisión". Existía, pois, unha distancia política sideral entre Junts e o partido cuxos afiliados, encabezados por Alberto N. Feijoo, esixían a máxima penalización para o ex-presidente da Generalitat. Tal circunstancia semellaba ratificar a idea -reiterada en moitas ocasións no universo do nacionalismo catalán- de que a confrontación de natureza identitaria posuía unha maior virtualidade explicativa da dinámica política existente que a clásica dialéctica dereita/esquerda.
Nos últimos meses houbo síntomas reveladores dalgúns cambios a respecto da situación descrita anteriormente. A pesar da paralización na aplicación da amnistía decidida pola Sala do Penal do Tribunal Supremo, Junts non tivo reparos en coincidir con Vox e PP no rexeitamento dalgunhas medidas fiscais propostas polo goberno de Sánchez e apoiadas por outros socios parlamentares. Semellante afinidade rexistrada nalgunhas votacións do Congreso representou unha evidente incoherencia para Feijoo e Puigdemont. O dirixente do PP acometeu unha nova exhibición do seu relativismo táctico: despois de aplicar sen escrúpulos o chamamento de Aznar ("quen poda facer, que faga"), atopouse na incómoda circunstancia de facer compatíbel o apoio pechado a unha dereita xudicial que desexa o castigo exemplar para os independentistas coa necesidade de ir preparando novos escenarios de alianzas que permitan un maior illamento do actual goberno de coalición. Pola súa banda, o ex-presidente da Generalitat cuestionou, con esa actuación, a súa propia doutrina sobre a orde de prioridades que debe manexar o independentismo catalán.
Polo momento, Junts e Puigdemont non poden repetir a mesma lóxica pactista que utilizaban, hai anos, CiU e Pujol. Daquela, a equidistancia coas forzas estatais permitía acordar indistintamente con Felipe González e Aznar dependendo das circunstancias concretas de cada momento. Dende a crise de 2017, a actitude do PP no conflito catalán dificulta ou cortocircuita os achegamentos de ambos grupos en materia económica a pesar das súas coñecidas coincidencias en moitas das liñas definitorias do que se ven considerando a dereita liberal e conservadora europea.
Nalgunhas análises especulase coa posibilidade de que, nos vindeiros meses, Junts -e, se cadra, o PNV- apoien unha moción de censura presentada por Feijoo que permita forzar unha convocatoria electoral inmediata. Para resultar verosímil semellante hipótese debería darse, polo menos, unha condición imprescindíbel: a efectiva aplicación completa da amnistía que normalizase definitivamente o funcionamento de todos os partidos políticos. E tamén sería necesario que tanto Junts como o PNV estivesen dispostos a asumir o custe derivado da presenza de Vox nesa operación política. A ameaza que representa a coñecida competencia electoral de ERC e de Bildu constitúe un notábel factor disuasorio de cara a facer realidade semellante matrimonio político de conveniencia.