1 de 4914 en Opinión seguinte

22 anos despois, o PP comete os mesmos erros

Para quen vivimos -hai agora 22 anos- a catástrofe do Prestige resulta mais doado entender todo o acontecido arredor da traxedia destes últimos días nalgunhas comarcas do Pais Valenciá e noutros territorios limítrofes.

Por Xesús Veiga | Compostela | 29/11/2024

Comparte esta noticia
Se optaramos por comparar ambos sucesos poderiamos constatar a existencia dalgunhas diferenzas e de varias semellanzas. Entre as primeiras cabería citar dúas relevantes: o grande volume de persoas que perderon a súa vida por mor da DINA rexistrada na costa levantina e a circunstancia de que, nesta ocasión, non houbo coincidencia na cor política dos gobernos estatal e autonómico.
 
É verdade que tanto no ano 2002 como agora existían factores estruturais que podían actuar como motivos causais de semellantes desastres. Xa que logo, cabería falar de que actuou o azar pero sobre a base dunhas eivas que xa estaban operando na propia realidade. Por exemplo: sabíase que o corredor marítimo fisterrán era un potencial vector de risco nun tránsito de mercadorías carente das regulacións requiridas para asegurar niveis solventes de seguridade marítima. Ou tamén: no caso da DINA había análises serios que advertían dos novos efectos provocados pola crise climática e a potencial combinación letal deses cambios co modelo de ordenación territorial establecido e coas políticas urbanísticas deseñadas seguindo o criterio da maximización dos beneficios privados.
 
Cando se repasa a actuación dos xestores públicos involucrados é cando aparecen o maior número de coincidencias. O goberno de Mazón, como xa ocorrera cos de Fraga e Aznar, cometeu tres erros importantes: minusvalorar a gravidade do que estaba sucedendo (se o presidente da Xunta foi de caza nos primeiros momentos, o da Generalitat tivo un longo xantar privado cando as treboadas xa estaban enriba); exhibir un grande nivel de incompetencia no manexo dos recursos dispoñíbeis e utilizar a mentira como ferramenta para sementar a confusión e diluír as súas propias responsabilidades.
 
Nos anos que levamos deste século, diversas Administracións públicas dirixidas polo PP tiveron que enfrontar traxedias graves (Prestige; atentados do 11-M de 2004; accidentes do Yak-42, do metro de Valencia e do tren Alvia en Angrois; as inundacións destes días...) que permitiron constatar un denominador común: a non asunción de responsabilidades políticas por parte dos xestores concernidos. Nin presidentes do goberno do Estado e/ou das CC.AA afectadas, nin ministros e conselleiros: ninguén quixo dimitir polos erros cometidos, incumprindo asi unha regra non escrita que resulta básica nun sistema democrático de calidade. Carlos Mazón e Alberto Núñez Feijoo seguen instalados na mesma lóxica a pesar do insufríbel número de vítimas mortais rexistradas. A partir de agora fican descualificados para esixir a outros cargos públicos as responsabilidades que eles non practican. As reiteradas peticións de dimisión de Pedro Sánchez emitidas nos últimos meses polo máximo dirixente do PP pasan a configurar o manual de incongruencias de quen, presidindo a Xunta, xa demostrara a grande distancia entre as prédicas realizadas na oposición ao bipartito e as políticas realizadas dende San Caetano.
 
O impacto político da DINA levantina acadou unha dimensión inédita  polo acordo tomado por M. Weber -actual presidente do Partido Popular Europeo- e N. Feijoo para atrancar a presenza de Teresa Ribera na nova Comisión Europea proposta por Ursula von der Leyen. A relevancia desta crise no seo da UE resulta indiscutíbel no marco do novo contexto internacional derivado do recente triunfo de Trump nos comicios USA. E, de paso, retrata adecuadamente o rol que aceita xogar o ex-presidente da Xunta: priorizar por riba de calquera outra consideración a redución dos custes da xestión do seu "barón" valenciano sobre as posibilidades da súa futura candidatura á Moncloa. Para conseguir ese obxectivo considerou válidas todas as consecuencias orixinadas pola súa táctica: cuestionar o peso do Estado español no goberno comunitario, asumir o debilitamento do pacto fundacional da UE (entre a dereita democrática e a socialdemocracia dos Estados europeos), aceitar o reforzamento da ultradereita antidemocrática nas dúas beiras do Atlántico e afortalar o clima de desafección ante a política ("todos son iguais").
 
A decisión tomada por Mazón, nomeando a un tenente xeneral retirado como vicepresidente "para a recuperación económica e social" na Generalitat valenciana, alimenta a idea perigosa de que a maior credibilidade para que exista unha xestión cualificada fronte aos efectos provocados pola catástrofe reside nun militar que anuncia expresamente unha actuación desprovista de "criterios políticos". Atopámonos, pois, nas portas dunha anomalía antidemocrática promovida por un PP que non quere asumir aquilo que debería presidir o comportamento ante unha grave crise de confianza social: darlle a voz a cidadanía para que se exprese nunhas eleccións anticipadas.

O presidente do PPCV, Carlos Mazón, o expresidente do Goberno, José María Aznar, o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, a secretaria xeral do PPCV e candidata á Alcaldía de Valencia, María José Catalá e o expreside. Jorge Gil - Europa Press - Arquivo
O presidente do PPCV, Carlos Mazón, o expresidente do Goberno, José María Aznar, o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, a secretaria xeral do PPCV e candidata á Alcaldía de Valencia, María José Catalá e o expreside. Jorge Gil - Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.