A favor desta interpretación operaba a circunstancia de que non había constancia da existencia de diferenzas relevantes nos relatorios político e organizativo que estaban sendo obxecto de tratamento no seo da organización.
Esa presunción de tranquilidade foi parcialmente desmentida pola concorrencia de dous feitos inicialmente non previstos: a presenza -por primeira vez dende o ano 2016- de tres candidaturas aos órganos de dirección e a publicación -seis días antes do comezo da Asemblea- dun comunicado da UPG fixando a súa posición ante o que se ía debater nese evento.
Como é sabido, no pasado mes de Febreiro, o BNG obtivo os mellores resultados electorais da súa historia: o 31% dos votos emitidos e 25 escanos do Parlamento galego. Dada esta realidade, resultan moi significativas algunhas das consideracións emitidas no comunicado da UPG, advertindo sobre os presuntos efectos negativos do "presidencialismo" e reclamando unha maior "coralidade" na proxección pública da organización. Certamente, non era a primeira vez que este partido formulaba semellantes afirmacións, por canto xa se publicitaran este tipo de ideas nos días posteriores á celebración dos comicios á Cámara do Hórreo. Se temos en conta que na recente Asemblea Nacional non se constataron diferenzas relevantes nas teses políticas e organizativas, a interrogante resulta pertinente: a que se debe esta prevención sobre o liderado de Ana Pontón, manifestado publicamente polo principal grupo organizado no interior do BNG? Caben dúas hipóteses explicativas (non necesariamente excluíntes): a existencia dun desacordo implícito a respecto da importancia que debe ter -na estratexia política- o obxectivo de facer realidade a chegada da fronte nacionalista ao goberno da Xunta e, por outra banda, a disputa polo control interno da organización.
Estamos ante un vello dilema que ten afectado, tamén, a outras formacións políticas que posúen unha vocación de transformación da realidade social. Como conciliar a pretensión de acadar unha maior proxección electoral coa vontade de atender as demandas e preocupacións que se suscitan no interior da propia organización? Resulta evidente que a grande maioría das mais de 400.000 persoas que votaron polo BNG o pasado mes de Febreiro non están preocupadas, prioritariamente, polas presuntas eivas causadas polo liderado de Ana Pontón ou pola insuficiente coralidade que poda amosar a organización nacionalista. Quen coloca aí o foco do debate debería ter o valor de ofrecer un programa alternativo ao que hoxe encarna a máxima dirixente do Bloque e tratar de substituíla por outra candidata. Non seguir esta liña de conduta alimenta un balbordo mediático que favorece ao PP e afasta ao BNG da potencial conexión con sectores mais amplos da sociedade galega.
Nos últimos 30 anos existen suficientes experiencias para poder tirar conclusións rigorosas a respecto das prácticas virtuosas e dos erros cometidos polo BNG na súa acción como organización política. Dende os éxitos acadados durante a década dos 90 até a grave crise escenificada na Asemblea de Amio do ano 2012 pasando pola aprendizaxe experimentada no goberno de coalición entre 2005 e 2009. Unha análise dese amplo período temporal permitiría comprobar que o sector que posúe unha maior capacidade decisoria no interior do BNG é reticente ás políticas que pretenden ampliar a base electoral e coloca como prioridade máxima o control permanente da estrutura organizativa interna.
As tensións que se rexistraban, no pasado, entre os sectores que tiveron como referencia, sucesivamente, a Xosé Manuel Beiras e a Anxo Quintana e aqueles que seguían a lóxica da UPG semellan repetirse na actualidade, baixo novas circunstancias e liderados.
Ana Pontón ten por diante un reto de grande envergadura: conseguir que o PP perda a prolongada hexemonía que posúe nas actuais institucións do autogoberno. Quen, no seo do BNG, non sexa capaz de entender a transcendencia deste obxectivo e non actúe co imprescindíbel espírito construtivo asumirá unha parte importante da responsabilidade de que, finalmente, as relacións de poder non muden na política galega.