Quenes aprendemos a escrita con pizarillo, sabemos as dificultades de facer unha boa caligrafía cunha pluma esgallada e so por iso chegamos, logo dalgunhas tintadas no papel, a desfrutar do bolígrafo. Xa que logo, temos unha certa autoridade para afirmar que Trump é un langrán. O Mundo non se pode dirixir a golpe de rotulador. Cando vexo a "teatralización" que está a facer coa súa gobernación lembro algún "mestre" que tiven coa vara de acivro impoñendo o seu "maxisterio" cunha finalidade exclusiva: manter a orde, moral e disciplina da ditadura franquista. O fundamental non era a formación nin o saber, era o medo. O rotulador de Trump, cumpre a mesma finalidade xa que é a ferramenta utilizada para impoñer a súa cosmovisión do Mundo e de quenes o están a apoiar. El non se vai poñer roibo polas fendas que podan xurdir nas medidas que está a tomar (ademais non imos aprecialo na tv por razóns obvias), a súa pretensión non é outra que facer desta nova maneira de gobernar o seu obxectivo: impoñer, ameazar e golpear. Non hai na formulación das súas políticas ningún esforzo nin traballo senón a aplicación, con tódalas consecuencias derivadas, do poder do mais forte.
Comentaba hai uns días cunha compañeira, o recuar do facer colectivo fronte ao individualismo, da ética fronte á estética, da información fronte a manipulación, da liberdade fronte a dependencia e da exemplaridade na política fronte á teatralización xa que a escenificación tende a priorizar o emocional sobre o racional. Non fai falta ningunha argumentación para soster unha proposta ou facer unha crítica, abonda con ter o poder e ferramentas para que o contrario non poda "tusir" e si ten folgos para facelo, o seguinte remedio e aplicarlle terapias de "illamento" e acusacións de "perigo social", para xustificar tanto o seu confinamento como se fose necesario, a súa destrución. Así as cousas, non agardemos por ningunha revolución, de primeiras seguiremos na involución e logo xa miraremos o que acontece. Cando o proceso no que estamos metidos de cheo vaia madurando e posiblemente remate podrecendo as contradiccións provocarán unha saida pola porta de emerxencia.
Quen teña presa é mellor que saiba agardar. Tódolos procesos políticos e sociais teñen unha dinámica marcada polo fluxo e refluxo cunha variabilidade no ameto temporal e unha tendencia a revisar tácticas e estratexias para non morrer, tanto no éxito como cando perdes.
Estamos diante dun cambio a nivel mundial, caracterizado por unha maior inxustiza social, mais acumulación de poder e capital en menos persoas e uns liderados cunha deriva cara ao novo ciclo. O totalitarismo nas democracias liberais é un camiño seguro para a súa substitución sistémica. Desenvolverei algún apuntamento sobre destas cuestións. A radicalización do capitalismo e a xeración de sociedades profundamente desiguais como consecuencia de políticas e políticos altamente cuestionados, foron e son o caldo de cultivo para reaparición dos populismos ao longo e largo do Mundo. O autoritarismo nas moi enfermas democracias liberais é a consecuencia lóxica, xa que a liberdade individual é so aparente cando está a permitir o renacemento de liderados totalitaristas con vestimenta democrática, por moito que conten co aval dun proceso electoral e dunhas Constitucións construidas para salvagardar tanto valores e dereitos contidos no seu articulado como os seus incumprimentos ou interpretacións segundo conveña a quen está no poleiro do poder. A blindaxe aparente xa moi debilitada polo paso do tempo e do xogo político vai camiñando pouco a pouco cara o exercicio do poder de maneira absolutista e no caso de atopar algun atranco para exercelo, outra nova legalidade constitucional e institucional será a ferramenta necesaria para darlle cobertura legal.
Os piares deste sistema capitalista son a competencia, o libre comercio, o mercado e o pluralismo político. Como están tan viciados necesitan dunha grande obra para a súa reconstrución, debido a que a maioría da xente estase a dar conta do engano, cando afirman que, o carallo é que nin o beneficio nin o poder son compartidos e neste sistema está normalizado que os procesos de acumulación de riqueza e de poder, son máis tendenciais á concentración e só medran os menos e os máis cada dia están peor. Cando alguén propón máis democracia na política ou na actividade económica, soan as alarmas nos centros de poder e de súpeto a nova "ilustración" nos di que, tal proposta é imposíbel, empregando de primeiras a forza dos aparellos informativos e das redes e logo, se non nos deixamos convencer o camiño cara a militarizacion e a guerra e un recurso de moita potencia para rebaixar ou anular calquera resistencia nos adentros do sistema. A estas alturas da película, non é moi desatinado achegarse a un posíbel desenlace no guión: a historia pode volver a recuncar porque antes de que revente, din algúns, que é preferíbel facer o que haxa que facer. Todo o que está a pasar non debería sorprender a ninguén.
Nas sociedades chamadas democráticas, a confianza entre a elite política e os administrados é moi baixa. O voto que parecía o esencial para garantir a calidade do sistema, non foi quen de frear a deriva por variadas razóns, entre outras: a verdade non existe é un asunto moral ou filosófico; mentir ou enganar ao pobo con reiterada nocturnidade e aleivosía é unha necesidade para a convivencia democrática; o hexemonismo dos liderados nos aparellos das organizacións políticas e a falla dunha conciencia critica por parte da militancia e do corpo electoral é unha realidade; unha aparente maior información e acceso "libre" a traveso das redes en mans dos máis poderosos fixo posible un roteiro onde a maioria da xente participamos dun xeito ou outro e que vai desde o manexo interesado a confianza cega, pasando pola falta de calquera credibilidade , a hipercrítica e as veces caendo no pasotismo.
Trump está a practicar unha liturxia aparentemente democrática mais é un bo exemplo do exercicio de poder absoluto. Sen contar con ningunha outra representación quere dirixir o mundo a golpe de decreto onde o importante e a súa sinatura, iso si, cunha montaxe de carallo, onde o fervor patriótico e festivaleiro están a darlle cobertura. Diante desta ruptura, tanto ética como estética, imos ter que clarificármonos diante do novo paradigma mundial no que se van desenvolver os acontecementos.
Noam Chomsky di que estamos a moita velocidade e aloucadamente cara á catástrofe total baixo o liderado de sociópatas fanáticos. A nosa obriga democrática, debe levarnos a superar dita situación con máis e mellor democracia, máis responsabilidade e compromiso político e, o dereito a unha información contrastada sen manexos e manipulacións.
Non quixera rematar sen dicir que teño certa curiosidade por saber cal é a resposta de quenes teñen poder a uns cantos asuntos da actualidade:
- Que ser humano sen algunha doenza ou trastorno mental, pode propoñer unha limpeza étnica en Palestina para rematar coa guerra e logo converter a Franxa de Gaza nun lugar de vacacións para Israelís e Estadounidenses?
- Que conto lle van contar a xente do común nestas latitudes e nas demais, a respecto da libre decisión dos habitantes de Groelandia e a súa posibilidade de autodeterminarse legalmente do Estado Danes?
- Por que noutras nacións, como a galega, facer un proposición semellante para que os seus habitantes podan exercer a libre decisión baseándose no mesmo principio é demonizado?
- Cantas "varas de medir" hai no dereito internacional para que o censo electoral dun territorio poda exercer a libre decisión de manter o seu status actual ou autodeterminarse?
Nesta contorna gasosa e invasiva que todo o enche e desestabiliza, imaxino as respostas mais tamėn teño o convencemento que, hai e haberá posibilidades de facelo mellor e doutra maneira.