Din agora algúns "demócratas conversos" que cando Franco estaba a morrer "alguén" fixo unha enquisa (sen acreditar ningunha especificación técnica de tal consulta, nin quen a fixo, nin o porque), na que a maioría dos preguntados fixo unha escolla, onde a orde era a súa principal preocupación, seguida do traballo; disque a liberdade non mereceu case ou ningunha consideración. O que subxace daquela "información", escoitada por min nunha emisora de radio, é que, aínda que o franquismo non deixou todo ben "atado" hai xente que desexa un Estado Español dirixido por quen comparte aquela mentalidade forzada pola ditadura, asentada no pensamento único e na imposición dunha nación-patria exclusiva, cunha blindaxe do poder militar, o seguidismo cómplice da igrexa católica, como fonte da ética e da moral, e tódolos aparellos da estrutura institucional sobrevivintes ao cataclismo provocado co derrube da 2ª República Española. A herdanza monárquica sustitutoria do franquismo é permisiva co conservadorismo dos que manteñen estes desexos e quen non sexa participe deste comportamento, ten a obriga de non descoñecela nin infravalorala. Sabedes por que? Quen protexe, defende, arroupa ou cala, logo tamėn elixe a representación política.
Non está de máis facer unha recomendación para quen participa ou apoia a toda esta "tropa do carallo". Fagan o favor, dediquen un pouco do seu tempo e vexan a película- documental "Shoah" para lembrar a historia de persoas que miraron cara a outro lado na ditadura (do mesmo xeito os que posibilitaron a "terrible ascensión" do nazismo) e tamén a dos seres humanos que se afixeron a convivir co horror ata que se converteu case en algo cotián. Como dixo seu director (Lanzmann): "a obra é primeiro unha inacabable empresa de desacralización, que devolve a palabra para achegala aló onde non foi escoitada, ou non quixo ser, mesmo cos silencios con todos os seus ruxidos para que se enfronten ao máis importante dos interrogatorios: saber como se matou, manterse o máis preto posible do crime, facer que o digan todo, facer que o conten todo, sen deter a cámara no momento da dor e retirarse pouco a pouco, seguindo as boas e mellores costumes do cine de verdade".
Os "contos" do calado da Transición Española non teñen outro obxectivo que deturpar a realidade da historia que non e outra cousa que interpretar os feitos históricos segundo conveña a narrativa interesada de quen fai o relato. Eu, sempre manifesto a miña crítica a quen defende, sen mais, ou ten acomodo no posibilismo ou na tese da reconciliación do Texto Constitucional de 1978 como o único camiño para facer unha transición para substituír a Ditadura, convencido como estou, de que a porta de saída escollida foi a de emerxencia e non a lóxica que sempre é, a principal.
A substitución dun réxime moribundo e construído a golpe de estado e represión permanente por outro feito polos costureiros "democráticos", xamais debera apoiarse neses piares para termar do "edificio". O vello sistema en ruínas debera erguerse sobre da liberdade e a verdade verdadeira sen ningunha atadura logo do derrube do primeiro, mais os albaceas nomeados polos herdeiros do testamento político do franquismo foron quen de forzar un consenso maioritario favorecedor dun bipartidismo alternativo.
Vai tempo dabondo para decatarse que a Constitución Española é a síntese dunha reforma política que mostra as debilidades estruturais sobre as que foi construída. A pregunta volve a ser de novo: reforma ou desta vez compre facer o que daquela non se fixo (na morte da Ditadura e do Ditador), un novo edificio Constitucional sen as condicions e condicionantes do pasado?
Algunha das solucións que se debuxan como o dunha nova Fronte Popular (todos contra o PP, Vox e Cía.), mantendo o actual deseño Constitucional con pequenas variacions para manterse no poleiro en contraposición á posibilidade de volta ao ultraliberalismo no económico e os valores dunha España, Unha, Grande e Libre, con peche de fronteiras e illados tanto do resto de Europa como do Mundo, definen ben a situación na que se quere "xogar o partido da Liga Españolista". Queiramos ou non, a situación é caótica pero eu, négome a aceptar este deseño forzado e interesado das dúas forzas políticas maioritarias no Estado Español.
A tese (unha nova fronte popular) para confrontar coa dereita non pode ser acreditada por quen defende que as nacións que hoxe están inxeridas nun Estado plurinacional, por que nesa estrutura xamais van ter dereito a decidir a súa soberanía nin van ser recoñecidas como tal. A razón é sinxela, dita formulación non deixa de manter a concepción tradicional do bipartidismo gobernante no Estado Español, sexa con vestimenta autonómica, federalizante ou centralista. Claro que poden producirse avances na cesión de competencias, pero como a soberanía é unha, esta non pode ser compartida e do mesmo xeito que hai avances vía das cesións, deberemos contemplar a posibilidade de recuperación do cedido por quen fixo tal cesión, que non é outro suxeito que o Estado posuidor legal tanto das competencias como da única soberanía nacional recollida no texto constitucional de maneira repetitiva. A recentralización viaxa pola mesma vía que a cesión polo tanto do mesmo xeito que foi outorgada pode ser recuperada.
Patria só temos unha por moito que, no dereito internacional, a dobre nacionalidade sexa unha realidade pero sempre a partires do recoñecemento polo concesionario, que sempre é un Estado. A concorrencia de dúas nacionalidades nunha mesma persoa ten como consecuencia a existencia dun dobre vínculo xurídico. A persoa con dobre nacionalidade é, a un tempo, nacional de dous Países, gozando da plena condición xurídica de nacionais en ámbolos dous Estados. A maior parte dos convenios de dobre nacionalidade toma o domicilio como punto de referencia, de tal maneira que a xente con dobre nacionalidade non estará sometida de forma constante a ámbalas lexislacións, senón só á do País no que teñan fixada a súa residencia.
Hai moitas opinións do caos no que hoxe está a vivir o Estado Español, xa que ninguén pode saber cara onde imos. Os vicios de "obra" de 1.978 son tantos e tan importantes que merece a pena darlle unha volta a este asunto. Por moito que neguemos o que está a pasar, moitos dos problemas que hoxe temos que afrontar, a dinámica política non mostra capacidade da súa resolución, nin tampouco gañas para facelo.
Convén lembrar o que a Teoría do caos advirte: pequenísimas variacións iniciais co tempo farán imposible as predicións. A transición política foi unha imposición do franquismo para camiñar cara unha democracia formal, protexida por un aparello legal e unha arquitectura institucional de poderes e competencias. O deseño daquela, hoxe, chegou o seu esgotamento e xa non é posible manter tal construción. Quizas o españolismo ( o nacionalismo español de esquerdas e dereitas) debería prantexarse dunha vez que, unha identidade nacional non pode impoñerse, ten que decidirse libremente e tal vez, desta maneira as tácticas para manterse no poder a calquera prezo permitirían sair dalgún dos enrredos nos que o Estado Español está metido de cheo.